21/03/12

Día Mundial da Poesía


Din que un poema cantado é dúas veces poesía. Hoxe, Día Mundial da Poesía, traémosvos uns versos musicados por artistas da nosa terra. Non vos perdades mañán as recomendacións de poesía para a ESO e o 3º ciclo de primaria.





TEÑO O CORAZÓN SENLLEIRO
Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
Teño lobos, teño sombras,
teño a sorte fuxidía.
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
Está mudo o reixiñol
que outrora cantar solía.
Non importa, agardaréi
polo albor do novo día.
Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía…
Ela fía i eu confío
no albor do novo día.

Celso Emilio Ferreiro (1968) Viaxe ao país dos ananos
Música: L. E. Batallán (1975) Aí ven o maio






ALALÁ
Eu de noite iría de noite,
no medio do temporal.
Ir de día á luz do día
dáme medo, miña nai.

No fondo do teu ollare
unha gamela abanea.
Quen se puidera afogare
na ardora dunha misteira.

O que soño é verdade
como o silencio é un falare.
Se roubei o teu retrato
foi pra aprender a mirare.

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas.

Rivas, Manuel (2009), A desaparición da neve, (Madrid: Alfaguara)
Música: Berrogüetto (2010) Kosmogonias








Maio longo... maio longo,
todo cuberto de rosas,
para algús telas de morte;
para outros telas de vodas.
Maio longo, maio longo,
fuches curto para min:
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.

Rosalía de Castro (1880), Follas Novas
Música: Carlos Núñez e Anabela (2000) Mayo longo







MADRIGAL Á CIBDÁ DE SANTIAGO
Chove en Santiago,
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón.

García Lorca, Federico (1935) Seis poemas galegos
Música: Luar na lubre (1999) Cabo do mundo





LELA
Están as nubes chorando por un amor que morreu
Están as rúas molladas de tanto como choveu.
Lela, Lela, Leliña por quen eu morro
quero mirarme nas meniñas dos teus ollos.

Non me deixes e ten compaixón de min.
Sen ti non podo, sen ti non podo vivir.
Dame alento coas túas palabras, dame celme do teu corazón,
dame lume coas túas miradas, dame vida co teu doce amor.

Lela, Lela, Leliña por quen eu morro
quero mirarme nas meniñas dos teus ollos.
Non me deixes e ten compaixón de min.
Sen ti non podo, sen ti non podo vivir.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1941) Os vellos non deben de namorarse
Música: Dulce Pontes e Carlos Núñez (1996) A irmandade das estrelas

Ningún comentario: