28/06/11

Día do Orgullo Gai

Hoxe, 28 de xuño, celébrase en todo o mundo o Día do Orgullo Gai. Hoxe saímos á rúa para pedir tolerancia, igualdade e que ninguén teña que sentir vergoña pola súa orientación sexual. A orixe desta celebración vén de 1969, cando a policía fixo unha redada bastante violenta en Stonewall (no estado de New York) nun bar no que acostumaban reunirse homosexuais e transexuais.
Na década dos 60, a sociedade e as leis norteamericanas tiñan bastantes prexuízos contra os que eran distintos (foran estes negros, comunistas ou homosexuais). Había poucos lugares nos que estes últimos puideran reunirse, e normalmente eran bares. A desafortunada intervención da policía nese local provocou unha marea de protestas e actos por todo o país pedindo que os homosexuais tiveran lugares nos que reunirse e manifestarse libremente sen medo a ser detidos. En 1970 houbo as primeiras marchas do Orgullo Gai en New York e Los Ángeles; dende entón, celébranse en moitos países do mundo. 

Estes días hai que celebrar que o estado de New York acaba de legalizar o matrimonio homosexual, sendo xa o quinto estado norteamericano que o aproba. Por desgraza, a homosexualidade segue a ser un delito en moitos países, estando castigada incluso coa morte (en Irán ou Arabia Saudita) como podedes ver neste mapa:


Que a situación non está normalizada queda moi claro cando analizamos a literatura que lemos. Cantos personaxes gais tedes atopado? Sobre este tema xa publicamos un artigo fai un tempo na sección de profes.

Algúns pensarán que é bo que non haxa moitos personaxes gais na literatura porque a homosexualidade é antinatural. Ante esta idea errónea só podemos dicir que máis de 200 especies animais teñen comportamentos homosexuais estudiados e rexistrados. Pola contra, só se coñece a homofobia nunha especie animal: o ser humano.
Se queredes entender por que a xente sae á rúa o Día do Orgullo Gai, podedes ler este (curto) diálogo ficticio.

.

27/06/11

Monólogo do vello traballador

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

                        Celso Emilio Ferreiro (1978)

*************************************

As cousas non cambiaron moito dende 1978!

.

25/06/11

Fin de curso con novidades

Rematamos xa o curso e moitos de vós estaredes disfrutando dunhas merecidas vacacións. Osquelemos seguirá aquí durante o verán, compartindo cousas con todos e todas, aínda que dun xeito máis pausado.
Nos próximos días engadiremos a lista dos libros recomendados para o verán asi como o último boletín Leria, pero tamén nos gustaría que vós recomendedes libros ou comentedes o que vaiades lendo.

E no curso 2011-12... haberá novidades na biblioteca, e ademáis moitas! Tras un duro esforzo do equipo da biblioteca, pero especialmente da profe Chus, a Xunta acaba de concedernos unha contía moi xenerosa para a biblioteca escolar. Pertenceremos á rede de bibliotecas que se soe chamar PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares), dotadas de abundantes recursos económicos e constante asesoramento. Todo iso vai facer que a vosa biblioteca, que xa cambiou moito nos últimos anos, siga mellorando.

Esperamosvos en setembro con novas lecturas e moitas sorpresas. Pero non esquezades para que é a biblioteca:



Feliz verán!

.

17/06/11

Unha novela (case) de balde

A editorial SM ven de probar un novo invento: as novelas case gratuitas. Pódese ler o 60% da novela en internet ou descargala ó teu ordenador, ó iPad... e mercar o resto. Non está mal o truco para enganchar ós lectores, eh?

Asi é como comeza "El rostro de la sombra", de Alfredo Gómez Cerdá", e aquí podes ler o resto:

"El lugar era perfecto.
El primer tramo de la carretera de Castilla, saliendo de la ciudad,
se encontraba completamente a oscuras. En cuanto se
dejaba atrás el puente de los Franceses se entraba de lleno
en la boca del lobo. Solo los que habitualmente hiciesen ese
recorrido podrían saber que a la izquierda se hallaba el bosque
de pinos de la Casa de Campo, y a la derecha, las praderas
onduladas del campo de golf. Y ni una sola luz. Ni siquiera
se distinguía el perfil de los árboles centenarios recortando
caprichosamente la noche. Todas las farolas que tachonaban
la carretera estaban apagadas, sin duda por alguna avería.
Caminaban muy juntos, quizá por temor a perderse si se separaban
demasiado, aunque el camino lo conocían de sobra,
o quizá para poder sujetarse a algo en caso de tropezar, y no
porque el suelo fuera irregular; más bien tenían dificultades
para mantenerse por sí mismos en posición vertical."
 .

16/06/11

Ides á feira a mercar?

Din que non todos van á misa por rezar, nin á feira por mercar. E claro, nós preguntámonos por que vides a este blogue, qué é o que máis vos gusta, qué vos gustaría que tivese, qué quitaríades...

Botadesnos unha man? Podedes contestar a estas preguntas enviándonos un correo coas vosas ideas, críticas e suxestións a biblio.cpi.ribeira@gmail.com ou ben escribindo un simple comentario a esta entrada. Ou teremos que facer outra enquisa máis? ;-)

14/06/11

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

A biblioteca do CPI da Ribeira quere expresar o seu apoio ás bibliotecas integradas dentro do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares galegas e unirse á súa condena ante a prevista desaparición dos asesores de bibliotecas nos Centros de Formación e Recursos.
As bibliotecas non se fan soas: necesitan recursos humanos e materiais para funcionar, e moitos máis para funcionar ben. Non poden usarse só para a foto propagandística mentres se lles nega o necesario para que sexan verdadeiros centros de recursos da comunidade.
Nós xa poñemos todo o que está na nosa man e aínda máis, pero se queremos calidade tamén as autoridades educativas teñen que poñer do seu. Por todo isto, asinamos o seguinte manifesto:


Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?

10/06/11

Enquisa sobre a biblioteca

 A biblioteca quere agradecervos a vosa colaboración e, á súa vez, facervos unhas preguntiñas para coñecer a vosa opinión sobre os recursos, as actividades e o funcionamento da mesma.

Preme aquí para realizar a enquisa