29/05/16

Máis actividades do mes de maio!

Como non podía ser doutra maneira, o mes de maio veu cargado coma tódolos anos, dunha chea de actividades nas que os nosos nenos e nenas divirtíronse moito.  Entre outras, falamos das lecturas cruzadas e da quedada literaria que este ano se desenvolveu no parque de Castrelos, en Vigo. Cunha alta participación de escolares do entorno, a reunión puxo en valor a  lingua e a  literatura  galegas. Temos que dicir que os noso alumnado recibiu moitas felicitacións pola súa implicación e bo facer, especialmente nos apadriñamentos lectores que se produciron durante a mañá. Parabéns!

Nas fotos adxuntas podedes ver algúns momentos vividos na xornada.










E tamén aquí máis fotos, esta vez pertencentes ás lecturas cruzadas, nas que o alumnado dunhas clases prepara recitado de poesías, este ano do poeta Manuel María; pequenas obriñas teatrales,  narracións sinxelas... e  vai mostrar o que estiveron a traballar a outras aulas. Débeno facer moi ben porque sempre reciben un aplauso!



24/05/16

Aprendendo a ser fotógrafos


Presentámosvos unha nova actividade que se está a traballar con moito interese nas clases dos maiores de ESO e que se desenvolve dentro do programa "FOTOGRAFÍA EN CURSO", enmarcado no PLAN PROXECTA da XUNTA DE GALICIA

Cóntannolo así:
  
Os alumnos de 4º de ESO e 4º de PDC estamos a realizar un obradoiro co fotógrafo TONO MEJUTO.
A idea consiste en mostrar a contorna a través das nosas fotografías, reparando nas cousas que parecen pasar desapercibidas e retratando á xente e ao mundo que nos rodea. Tono déixanos a súa cámara de gran formato e nós captamos o instante.
Estas son algunhas das imaxes que retivemos. A ver que vos parecen.

 

 "Se sabes esperar, a xente esquecerá a túa cámara e entón a súa alma sairá á luz."
 Steve  McCurry

15/05/16

Día Internacional dos Museos



O Día Internacional dos Museos conmemórase este 18 de maio. A entrada será de balde en todos os centros deste tipo. A maiores, moitos deles celebran xornadas de portas abertas e complementan a súa oferta habitual con outro tipo de propostas como visitas guiadas, proxeccións, concertos...

Máis información:
http://www.cultura.gal/gl/axenda

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2016

Morrendo a cada intre; Advento, un dos libros máis fermosos da poesía galega de todos os tempos; Mar  maior; e tantas outras publicacións fan de Manuel María un dos escritores galegos máis comprometidos coa nosa terra e coa nosa fala.
 
 Este 17 de maio de 2016 lembramos a súa vida e a súa obra co gallo da celebración do día da cultura galega por excelencia, o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. 
Manuel María adicou tamén moito do seu tempo ao xornalismo. Nesta páxina web poderedes coñecer máis desta faceta do escritor: http://manuelmaria.xornalistas.gal/


03/05/16

Día Internacional contra o acoso escolar

Onte, día 2 de maio,  celebrouse o Día Internacional contra o acoso escolar coñecido tamén coma o Día contra o bullying.
Trátase dunha campaña de concienciación sobre un problema que afecta a millóns de escolares en todo o mundo.

Segundo o "Protocolo de prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso" da Xunta de Galicia, o fenómeno do bullying ou acoso escolar vén definido como “unha conduta de persecución física e/ou psicolóxica que realiza un alumno ou alumna contra outro, ao que elixe como vítima de varios ataques” (Dan Olweus). Trátase, polo tanto, dunha situación continuada no tempo e de grande intensidade, na que unha das partes se sente poderosa e asume o papel de agresor ou acosador, en tanto que a outra, máis vulnerable, asume o papel de vítima ou acosada. Polo tanto, malia a alarma social creada por veces nos medios, non debe confundirse unha situación de acoso con pelexas puntuais ou con situacións nas que as dúas partes se atopan en situacións de igualdade.
Para poder considerar un comportamento como acoso escolar, deben cumprirse tres criterios diagnósticos, que deben darse simultaneamente, prescindindo da personalidade da posible vítima.

Os criterios son:
1. A existencia de intención de facer dano.
Debe existir unha vítima concreta, indefensa e unha persoa agresora que lle fai dano conscientemente.
2. A repetición das condutas agresivas. A agresión crea na vítima a expectativa de poder ser branco de ataques novamente.
Existencia dunha acción agresiva repetida, durante un período longo de tempo e de forma recorrente. Os comportamentos de abuso preséntanse reiteradamente no tempo. É un tipo de violencia difícil de identificar, isto é debido a que o acoso case sempre permanece oculto para as persoas adultas, pero o alumnado si ten coñecemento dos sucesos.
3. A duración no tempo, co establecemento dun esquema de abuso de poder desequilibrado entre a vítima e a persoa agresora ou persoas agresoras.
Presenza de desigualdade de poder (desequilibrio de forzas) entre a persoa máis forte e a persoa máis débil. É unha situación desigual, de indefensión para a vítima. Hai un desequilibrio e un abuso de poder que impide que a persoa acosada poida saír por si mesma da situación.

Como grave problema que afecta á Comunidade escolar no seu conxunto, é imprescindible que reflexionemos e poñamos todo o noso empeño en loitar contra esta lacra que tanto dano produce. 

http://www.mecd.gob.es/educacion-mecd/mc/convivencia-escolar/recursos/enlaces-interes/acoso-escolar.html
Preme na imaxe para saber máis do tema da convivencia escolar na páxina do Ministerio de   Educación, Cultura e Deporte