23/06/16

Inauguración exposición fotográfica "Nos ollos de Torneiros"

A exposición foi inaugurada pola concelleira de educación, Lourdes Moure, quen -nunha breve elocución- esbozou cunhas cantas pinceladas as características da parroquia de Torneiros: a orixe do seu nome, a importancia en canto ao número de veciños, os barrios que a compoñen, os centros escolares dos que dispón e unhas referencias sociolóxicas sobre a xente que vive nesta zona.
A continuación as alumnas de 4º de PDC interpretaron unha composición musical creada por elas mesmas, "As pingas de auga"
Por último Zoe e Álex nos deleitaron con dous discursos incribles, intensos e emotivos que vos poñemos de seguido e que nos emocionaron a todos e convertiron a tarde do venres nun momento máxico.




Aquí podedes ver algúns momentos do acto de inauguración:




http://www.farodevigo.es/comarcas/2016/06/17/ollos-torneiros/1481625.html

Preme na imaxe para ver a noticia no Faro de Vigo

22/06/16

LIBROS RECOMENDADOS PARA O VERÁN



Co gallo do remate deste curso 2015-2016 non queremos deixar pasar a ocasión  de recomendarvos algunhas lecturas de cara ao verán, xa que é unha época estupenda para poñernos ao día das últimas novedades e ler, ler, ler... Esperamos que vos sexan útiles.



 EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA (1º e 2º)

 CARIDE, Ramón: A negrura do mar, Xerais, Merlín.
Nova entrega das aventuras de Said e Sheila, os dous irmáns da época futura, os personaxes creados por Ramón Caride en Perigo vexetal, que tiveron novas entregas en Ameaza na Antártida e O futuro roubado.




-CAJARAVILLE, Héctor: Quen dá a quenda?, Xerais, Merlín.
A meiga Divina, coa axuda dos seus libros de conxuros consegue que todos os seus pacientes marchen cun remedio acaído para os seus males.




-ELIACER CANSINO, Macías: El chico de las manos azules, Bruño.
Con pingas de pintura azul nas mans,  Franz chega casualmente a España xunto a Illia, fuxindo do horror da guerra desatada no seu país de orixe.  Agárdalles  unha terra descoñecida, e non é doado adaptarse.



-PARMENTIER, Fahim Xavier: El rey de Bengala, Grijalvo.
Novela baseada en feitos reais que conta a epopea de Fahim, un neno de oito anos, inmigrante en Francia, que consigue saír adiante grazas a ser un prodixio do xadrez. O propio cativo escribe a súa historia.



-SORELA, Pedro: Los malos en Matemáticas son invisibles, Obradoiro.
Andrés, un adolescente,  parece non existir no seu novo colexio. Os compañeiros e os profes, sobre todo o de matemáticas, non se decatan da súa presenza. Entón comeza a preocuparse e a facerse una pregunta: É que se volveu invisible?



EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA (3º e 4º)

-VILA SEXTO, Carlos: O enigma de Caronte, Galaxia, Costa Oeste.
O último verán que Dani e os seus amigos van pasar xuntos en Cabo Lázaro vén marcado pola morte accidental de Marcos, un compañeiro de clase.


-DÍAZ NÚÑEZ, Celia: A boca do monte, Galaxia, Costa Oeste.
É unha historia sobre a nosa historia, sobre os nosos devanceiros que foron esmagados por un imperio, o romano, ao que pouco lle importaban as xentes de Galicia máis que como man de obra á que escravizar.


-BLUE JEANS: Algo tan sencillo como darte un beso, Planeta.
Tras das vacacións de Nadal, os adolescentes do corredor 1B voltan á residencia Benjamin Franklin. Pero non están todos, falta Nicole… Ela desexa regresar  pero a súa familia non quere nin escoitar falar diso.



-MARTÍNEZ, Elena: Bajo el paraguas azul, Nowevolution.
Sabes en canto tempo se pode arruinar a vida dunha persoa? En dous segundos, o que se tarda en compartir unha foto por WhatsApp. Ti o sabes, déronche charlas sobre cyberbullying, a ti endexamais  che pasaría, xa estamos cos rollos de sempre, verdade? Iso é o mesmo que pensaba Glauca.



-YOUSAFZA, Malala/ MCCORMICK, Patric: Malala, mi historia, Seix Barral.
Malala Yousafzai só tiña dez años cando os talibáns se apoderaron da súa rexión. Dicían que a música era pecado. Dicían que as mulleres non debían ir ao mercado. Dicían que as nenas no debían ir ao colexio...

FAMILIAS E ADULTOS
 
-NÚÑEZ SINGALA, Manuel: Camiños na auga, Galaxia.
Novela de iniciación situada na África poscolonial. O protagonista busca a liberdade a través dunha viaxe iniciática.





-REIMÓNDEZ, María: A dúbida, Xerais.
Unha muller é sorprendida pola chegada da policía á súa casa para deter o seu home, un político, por un presunto delito de abusos sexuais de menores. Este feito provoca o conflito psicolóxico desa muller que empeza a dubidar se coñecía realmente ao home.




-HANNAH, Kristin: El ruiseñor, Suma.
Dúas irmás buscan o seu propio camiño hacia a supervivencia, o amor e a liberdade na    Francia ocupada durante a 2ª Guerra Mundial.



-POSTEGUILLO, Santiago: La legión perdida. El sueño de Trajano, Planeta.
O ansiado desenlace da triloxía de Traxano.
Este emprende a maior campaña militar de Roma cara a vitoria ou cara ao desastre.     Intrigas, batallas, Césares e unha emperatriz entrecrúzanse neste relato épico do  mundo antigo. 



-MONTERO, Rosa: La ridícula idea de no volver a verte, Seix Barral.
Unha  homenaxe ás mulleres que como Marie Curie enfrontáronse ao seu entorno por levar adiante aquilo no que crían nunha sociedade que as ignoraba pola súa condición feminina.




-LINDO, Elvira: Noches sin dormir. Último invierno en Nueva York, Seix Barral.
Un libro ilustrado con fotografías da propia autora que evocan a atracción e tamén a crueza dunha cidade mítica. Un libro lucidamente inspirado por noites de insomnio creativo. 



15/06/16

Nos ollos de Torneiros

Os alumnos de 4º de ESO do CPI da RIBEIRA van inaugurar este venres 17 de xuño unha exposición de fotografía -Nos ollos de Torneiros- na Casa da Cultura do Porriño ás 17:00 horas, froito do obradoiro realizado co fotógrafo Tono Mejuto.

A actividade enmárcase dentro do proxecto "Fotografía en curso" (Plan Proxecta da Xunta de Galicia). Conta coa colaboración do Concello do Porriño e consiste en dar a coñecer a contorna do centro educativo dos rapaces a través das súas fotografías e do seu ollar.
Este proxecto innovador, no que participan as profesoras Mar Cuba Taboada (Francés), África Álvarez Outerelo (Música) e Cristina González Treceño (Ed. Plástica e Visual), pretende introducir a fotografía nas aulas e permite aos alumnos mellorar a técnica fotográfica, estimular a súa creatividade e espertar afeccións artísticas.

A exposición, que se poderá visitar do 17 de xuño ao 1 de xullo, pon fin a meses de duro traballo no que os rapaces foron transformando a súa mirada e perfeccionando a súa técnica fotográfica.
Este traballo favoreceu o desenvolvemento de distintos proxectos interdisciplinares no centro así como obradoiros de escritura e de fotografía, algúns deles impartidos polos propios alumnos de 4º aos seus compañeiros de cursos inferiores.

Non deixedes de visitala!

05/06/16

Máis cousas do obradoiro de fotografía

Como xa comentamos nunha entrada anterior do blog, este ano, o alumnado de 4º ESO e 4º PDC tivo a grande oportunidade de participar nun curso de fotografía que se impartiu no noso centro e no que todos disfrutaron e aprenderon moito.
Dito curso fora solicitado pola nosa profe de francés, Mar Cuba, dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, no apartado "Proxecto fotografía".
Tivemos a sorte de ser un dos dous centros seleccionados en toda Galicia para realizar un obradoiro contando cun fotógrafo profesional, Tono Mejuto, que, coa súa cámara de gran formato e alta resolución, fixo que os nenos e nenas descubrisen unha nova forma de ollar o mundo e de relacionarse cos demais.
O contacto directo neste obradoiro co fotógrafo, o feito de tocar e manipular cámaras e obxectos especiais que de outro modo non coñecerían, o acceso a unha formación específica que non é habitual nos centros escolares... foron aspectos que todos agradeceron tendo en conta ademais que para moitos destes adolescentes será unha nova afición a partires de agora e un novo modo de coñecer e valorar a arte.
Outro motivo de ledicia para todos os participantes é que a súa obra poderá ser contemplada nuha exposición que se vai presentar na Casa da Cultura de O Porriño e que se inaugurará o vindeiro 17 de xuño. Nela amosaranse as fotografías realizadas con Tono Mejuto que representan a diversidade da contorna desta localidade. Ademais, a exposición ten o carácter de itinerante e o próximo ano poderá ser visitada na cidade de A Coruña, e quizáis nalgunha máis...
Noraboa a todos os asistentes ao obradoiro e gracias a Tono pola súa colaboración!

Este curso de fotografía no só repercute positivamente nos nosos nenos e nenas maiores fomentando a súa creatividade senón que os está a involucrar noutros proxectos.

Como colaboración e homenaxe ao ano de Manuel María realizaron un safari fotográfico en torno ás pingas de auga e basearon as súas fotos nun dos versos do poeta:

"BREVE COMO A MILAGREIRA PINGA DE ORBALLO"
A idea consistiu en retratar as pingas en todas as súas variantes: choiva, néboa, resío, bágoas...

Ademáis resultou unha actividade interdisciplinar e "interniveis" ao participar o grupo de Plástica de 1º ESO coa súa profesora Cristina González na elaboración dunha composición pictórica en forma de mural que representa a auga do mar e o ceo e que nos lembra a composición en "pixels" das fotografías.
Por outra banda as fotografías e o mural foron acompañadas dunha composición orixinal das rapazas de 4º PDC, axudadas pola súa profe de Música, Africa Álvarez, cunha melodía musical baseada nos sons da auga.
 
Tamén os alumnos de Educación Infantil e as súas profes fixeron un mural titulado "Canto pesa unha bágoa" que podemos admirar no corredor a carón das aulas dos pequerrechos.


O obradoiro de fotografía tamén deu lugar a un obradoiro de escritura que tivo diversas vertentes:

A profesora Mar Cuba facilitou aos alumnos modelos de haikus en tres linguas (francés, galego e castelán). Os nenos relacionaron distintos poemiñas coas fotografías realizadas e, ao revés, compuxeron haikus a partires das imaxes. Tamén a profesora Inés Montenegro, moi aficionada á fotografía, participou nesta actividade vinculando as súas propias imaxes a algunha das poesías.


Outras fotos do obradoiro, neste caso co tema "Escaleiras", deron pé a reflexións baseadas na obra literaria  "Historia dunha escaleira" de Buero Vallejo.


Xa por último, o alumnado de 2º ESO participou neste obradoiro de escritura na clase de Lingua castelá coa profe Pilar González. A partires da presentación de dúas imaxes obtidas polos seus compañeiros, elaboraron diversos textos narrativos que finalmente se presentaron nun pequeno cartaz.




En relación co proxecto de centro deste ano "Olimpíadas", os participantes no obradoiro de fotografía compartirán tamén os coñecementos aprendidos co resto dos cursos (especialmente con 5º e 6º de Primaria) para que o alumnado poida mellorar as súas técnicas fotográficas co gallo de participar no concurso de fotografía que, para todo o centro, está a preparar Mar Lorenzo, coordinadora das TICs.

Finalmente tamén amosarán aos pequeniños de Educación Infantil a maxia da cámara escura nun breve obradoiro que, en datas próximas, levarán a cabo.

Por último, lembrámosvos unha vez máis a exposición. Xa sabedes que comeza o día 17 de xuño na Casa da Cultura.
Animádevos a ir!




04/06/16

Festival letras galegas 2016

O festival das Letras Galegas deste ano tivo lugar en dúas sesións: unha celebrada o venres 27 de maio e dirixida ás familias dos nosos nenos e nenas e outra, o luns 30, na que o alumnado de Ed. Infantil, Primaria e ESO foi testemuña do traballo que toda a comunidade escolar levou a cabo para conseguir que esta celebración fose todo un éxito.

Conxugáronse dous grandes temas: por un lado, o proxecto de centro deste ano, “Olimpíadas”, que nos ocupou todo o curso e, por outra banda, a obra literaria de Manuel María, escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano 2016.
Deste xeito fóronse intercalando poemas, algúns mesmo musicados, cancións, números visuais e luminosos e breves obras de teatro. Todas as actuacións estiveron cheas de encanto e bo humor.

Os peques de Infantil recitaron o poema “A vaca” de M. María. Ademais nos presentaron unha estupenda proxección preparada polas profesoras na que puidemos ver todas as labores que realizaron os cativos relacionadas coa gandería e o agro galegos.

Houbo tamén numerosas actuacións do alumnado de todos os niveis, que recitaron poesías, cantaron cancións e mesmo inventaron melodías. Ademais interpretaron diferentes pezas musicais e tocaron diversos instrumentos (frautas, xilófonos, triángulos, caixas, pandeiretas...) dirixidos polos profes de música África e Paco, que os acompañaron ao piano e ao violín, respectivamente. Tamén as profes Cristina Vispo e Inés amosáronnos a súa pericia co oboe e coas tarrañolas.
As obras de teatro “A Berenguela”, preparada por 6º de primaria e “O regato do Cepelo”, na que participou case toda a ESO, fixeron as ledicias de todos os asistentes.
É de destacar o traballo e a dedicación tanto do alumnado coma do profesorado que, co seu esforzo e interese, fixeron que todos pasaramos unha xornada moi agradable.



Nas fotos podedes ver algúns momentos do festival das Letras Galegas 2016.