O festival das Letras Galegas deste ano tivo lugar en dúas sesións: unha celebrada o venres 27 de maio e dirixida ás familias dos nosos nenos e nenas e outra, o luns 30, na que o alumnado de Ed. Infantil, Primaria e ESO foi testemuña do traballo que toda a comunidade escolar levou a cabo para conseguir que esta celebración fose todo un éxito.
Conxugáronse dous grandes temas: por un lado, o proxecto de centro deste ano, “Olimpíadas”, que nos ocupou todo o curso e, por outra banda, a obra literaria de Manuel María, escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano 2016.
Deste xeito fóronse intercalando poemas, algúns mesmo musicados, cancións, números visuais e luminosos e breves obras de teatro. Todas as actuacións estiveron cheas de encanto e bo humor.

Houbo tamén numerosas actuacións do alumnado de todos os niveis, que recitaron poesías, cantaron cancións e mesmo inventaron melodías. Ademais interpretaron diferentes pezas musicais e tocaron diversos instrumentos (frautas, xilófonos, triángulos, caixas, pandeiretas...) dirixidos polos profes de música África e Paco, que os acompañaron ao piano e ao violín, respectivamente. Tamén as profes Cristina Vispo e Inés amosáronnos a súa pericia co oboe e coas tarrañolas.

É de destacar o traballo e a dedicación tanto do alumnado coma do profesorado que, co seu esforzo e interese, fixeron que todos pasaramos unha xornada moi agradable.
Nas fotos podedes ver algúns momentos do festival das Letras Galegas 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario