29/01/16

Olimpíadas para a paz


Todos os nenos e nenas, dende Infantil ata Secundaria, participaron nesta edición da celebración do Día da Non Violencia e a Paz dando cor ás pombas que adornaron coas cinco cores representativas dos xogos olímpicos os aros que decoraron o mural que se colocou á entrada do noso centro.
 A biblioteca recibiu a visita dos rapaces de ACESCA, que colaboraron, coma noutras ocasións, para levar a cabo esta iniciativa.

28/01/16

Máis de 50 autores e autoras reinterpretan clásicos da literatura universal a través da ilustración

Cartel


A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) reinterpreta máis de 50 contos e fábulas da literatura universal a través da ilustración, con imaxes creadas polos seus socios e socias. O froito deste traballo acaba de ver a luz no catálogo ‘Novas olladas sobre os clásicos universais’.

‘Carapuchiña vermella’, ‘Alicia no país das marabillas’, ‘O principiño’, ‘Polgariño’, ‘O ratiño Pérez’, ‘O gato con botas’ ou ‘Os tres porquiños’ son algúns dos clásicos que nos redescobren agora os membros da AGPI coa súa particular mirada artística, traducida nas ilustracións que conforman o catálogo, publicado co apoio da Consellería de Cultura e Educación e mais da Deputación Provincial da Coruña.


Preme na imaxe para ver o artigo completo.

07/01/16

Benvido 2016 !

Dámoslle a benvida ao novo ano que vén cargado de efemérides e celebracións.
Xa sabedes que este ano o día das Letras Galegas estará adicado ao poeta Manuel María, autor dunha extensa obra e persoa comprometida coa nosa lingua.


Real Academia Galega
 Non esquezades que premendo na foto de Manuel María (na cabeceira do blog) podedes coñecer máis a fondo a vida e obra deste escritor dende a Casa Museo Manuel María.


Este ano celébranse tamén os 100 anos do nacemento das Irmandades da Fala. Ademais o escritor padronés Camilo José Cela cumpriría 100 anos no 2016 e hai xa 150 anos do nacemento  doutro famoso escritor galego, Valle Inclán.

Curiosamente o 2016 é tamén o ano do cuarto centenario do pasamento de dous dos xenios máis grandes das letras universais, Miguel de Cervantes e William Shakespeare, que morreron o 23 de abril de 1616. Na súa honra, o 23 de abril de cada ano celébrase o "Día Internacional do Libro".