03/05/16

Día Internacional contra o acoso escolar

Onte, día 2 de maio,  celebrouse o Día Internacional contra o acoso escolar coñecido tamén coma o Día contra o bullying.
Trátase dunha campaña de concienciación sobre un problema que afecta a millóns de escolares en todo o mundo.

Segundo o "Protocolo de prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso" da Xunta de Galicia, o fenómeno do bullying ou acoso escolar vén definido como “unha conduta de persecución física e/ou psicolóxica que realiza un alumno ou alumna contra outro, ao que elixe como vítima de varios ataques” (Dan Olweus). Trátase, polo tanto, dunha situación continuada no tempo e de grande intensidade, na que unha das partes se sente poderosa e asume o papel de agresor ou acosador, en tanto que a outra, máis vulnerable, asume o papel de vítima ou acosada. Polo tanto, malia a alarma social creada por veces nos medios, non debe confundirse unha situación de acoso con pelexas puntuais ou con situacións nas que as dúas partes se atopan en situacións de igualdade.
Para poder considerar un comportamento como acoso escolar, deben cumprirse tres criterios diagnósticos, que deben darse simultaneamente, prescindindo da personalidade da posible vítima.

Os criterios son:
1. A existencia de intención de facer dano.
Debe existir unha vítima concreta, indefensa e unha persoa agresora que lle fai dano conscientemente.
2. A repetición das condutas agresivas. A agresión crea na vítima a expectativa de poder ser branco de ataques novamente.
Existencia dunha acción agresiva repetida, durante un período longo de tempo e de forma recorrente. Os comportamentos de abuso preséntanse reiteradamente no tempo. É un tipo de violencia difícil de identificar, isto é debido a que o acoso case sempre permanece oculto para as persoas adultas, pero o alumnado si ten coñecemento dos sucesos.
3. A duración no tempo, co establecemento dun esquema de abuso de poder desequilibrado entre a vítima e a persoa agresora ou persoas agresoras.
Presenza de desigualdade de poder (desequilibrio de forzas) entre a persoa máis forte e a persoa máis débil. É unha situación desigual, de indefensión para a vítima. Hai un desequilibrio e un abuso de poder que impide que a persoa acosada poida saír por si mesma da situación.

Como grave problema que afecta á Comunidade escolar no seu conxunto, é imprescindible que reflexionemos e poñamos todo o noso empeño en loitar contra esta lacra que tanto dano produce. 

http://www.mecd.gob.es/educacion-mecd/mc/convivencia-escolar/recursos/enlaces-interes/acoso-escolar.html
Preme na imaxe para saber máis do tema da convivencia escolar na páxina do Ministerio de   Educación, Cultura e Deporte












Ningún comentario: