Olla a choiva pol-a rúa,F.García Lorca
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
Lemos abraiados que a Comunidade de Madrid inviste 120.000€ nun programa para estimular as nubes e provocar a chuvia, proxecto que xa se estudiara no 2006 e supostamente quedara aparcado. En realidade eses cartos van destinarse a un equipo de radiometría que estudiará como se comportan as nubes na zona, e logo xa se poría en marcha o resto do programa: bombardear as nubes con ioduro de plata. O obxectivo é provocar máis chuvia (ou neve) na zona do río Lozoya, onde se atopan 5 embalses que proporcionan a meirande parte da auga de Madrid.
A nós xa nos sonaba un experimento similar en China, así que nos puxemos a investigar e descubrimos que hai bastantes precedentes, incluso en España:
- China empregou este sistema para que chovese e se limpase a atmósfera da cidade de Pekín xusto antes dos Xogos Olímpicos.
- Tamén en China, provocaron unha nevada artificial espectacular para aliviar a sequía o pasado novembro.
- En España usáronse métodos artificiais na zona de Lleida para suavizar a intensidade do granizo (e protexer as colleitas) de 1986 a 2005 . Agora siguen usándose en Teruel e Zaragoza.
- Durante a Guerra de Vietnam, EEUU tiña previsto alongar a tempada dos monzóns para inundar o Vietcong, pero fallaron.
- En Australia e en varios estados americanos incentivan as nevadas para que sexan máis intensas.
- En Rusia, "descargaron" nubes que levaban restos radioactivos de Chérnobil antes de que chegasen a Moscú.
Os ecoloxistas alertan de que este tipo de actuacións poden ter consecuencias imprevistas na meteoroloxía e no ser humano, pero polo momento non hai probas de que sexa así. O seu consello e actuar para evitar o cambio climático en vez de usar estas técnicas. Aparte das lóxicas reticencias que teñen eles, e que compartimos, nós temos tamén outro tipo de reticencias: as éticas. As nubes non pertencen a ninguén, a ningún país e a ningunha comunidade. De verdade temos dereito a facer que deixen a súa auga onde nós queremos? E privar ós nosos veciñ@s desa auga? O plantexamento é o mesmo que no caso dos ríos: son de tod@s e non podemos baleiralos no nosa leira. Por outra banda tamén dá un pouco de medo pensar que algún día poderían usar armas meteorolóxicas nas guerras ou como xeito de "castigar" a outros países (como tiña previsto facer EEUU).
Como di a cantiga, "se chove deixa chover, se orballa deixa orballar", e se nin chove nin orballa, a consumir menos auga e usala con sentidiño. Non será mellor?
Artigo xornalístico de 2009 sobre a manipulación das nubes e artigo con información sobre os plans da Comunidade de Madrid.
10 consellos para protexer o medio ambiente, evitar o quentamento global e non ter que recurrir a estes sistemas para provocar a chuvia.
Fotografía: Inés Montenegro
Ningún comentario:
Publicar un comentario