"Agóchase tras da tapia que dá á almuíña, axexa por un buraco e dálle un chimpo o corazón. Alguén morreu na casa. Teme non ter chegado a tempo de falar co seu benquerido Ahmed.
O pai e o tío de Ahmed carrexan un pequeno corpo envurullado nunha mizara, un sudario de seda con versículos do Corán bordados. Con dificultade, méteno nun ataúde fabricado cunhas táboas bastas cravadas con puntas. Abdulwahid respira aliviado cando aparece Ahmed co rostro tristeiro. Malia os meses que pasou sen velo, está coma sempre. Ahmed ten a mesma idade ca el, pero semella o seu irmán maior. É, polo menos, unha cuarta máis alto ca Abdulwahid, e varudo coma o tronco dun cedro. Os seus brazos e as súas pernas dobran as del en volume. Postos un de par do outro aparentan un xunco canda unha palmeira. Ahmed ten o pelo arpado coma as pugas dun porco espiño, tan de punta que un non deixa de figurarse que, en calquera momento, parte deses punteiros ben poden saír disparados coma unha restra de foguetes. Así son tamén os seus ollos pardentos: nunca están quedos, coma se se mantivesen sempre á esculca."
CALVEIRO, Marcos: O carteiro de Bagdad. Vigo: Tambre, 2010. ISBN: 978-84-96772-66-3.
XVIII Premio Ala Delta
1 exemplar dispoñible na nosa biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario