- Si, si. Déixame facer memoria -contestou o vello profesor rañando a calva-. Por suposto, lémbroo perfectamente, un labirinto rodeado por liñas ondulantes.
Fran e o profesor quedaron meditabundos. Ningún dos dous sabía como utilizar a información que tiñan no seu poder.
- En todo caso, estamos de sorte. Sen ese colgante Hiperión non pode acceder a Atlántida.
- Tío, iso está ben, pero... e A-0?
Fran non contestou. El sabía que Hiperión precisaba a A-0 con vida ata que chegase o momento final. Aínda que o descubrimento da utilidade do colgante cambiara a súa intuición sobre o acceso á Atlántida, el sabía que o robot seguía a ser a clave.
- Temos que saír correndo para Vigo! -exclamou Eva-. Pero, como? Tardamos moito en chegar ata Rabat.
- Tranquila, rapaciña -contestou o profesor chiscando un ollo-. Este vello aínda ten moitos recursos. E farei o posible por compensar a miña covardía ante Hiperión.
James Blackwook separouse un pouco deles para facer unhas chamadas telefónicas.
- Aínda que A-0 pareza forte, non o é. Precisa de nós para sobrevivir -dixo Eva con seguridade.
- E ti como podes sabelo?
- Porque llo lin nos ollos -contestou Eva cun murmurio.
- Miña rula, el non é coma nós. Non é humano.
FARIÑA, Anxo: A chave da Atlántida. Vigo: Xerais, 2011. ISBN 978-84-9914-298-2.
Ningún comentario:
Publicar un comentario