A volta ao mundo en 80 días é o libro do ano no noso centro. Con el están a traballar varios profes, a partires del inspirámonos para o entroido e o meco, contamos as aventuras de Fogg na biblioteca, e ata temos alí unha exposición especial de libros de viaxes e libros do mundo.
Xa sabedes que esta é unha obra clásica de Jules Verne, unha novela de aventuras chea de humor, que deu lugar a moitas adaptacións, películas, debuxos animados... e tamén moitos creadores inspiráronse no seu título para as súas obras (por exemplo, La vuelta al mundo en 80 cuentos, que tes na biblio).
Por se algún despistado aínda non o leu, aquí tedes un fragmento: o da páxina 99.
"O guía, co fin de abreviar a distancia do percorrido, deixou á dereita o trazado da vía coas obras en curso de execución. Dito trazado, moi contrariado polas caprichosas ramificacións dos montes Vindhias, non seguía o camiño máis curto que Phileas Fogg tiña interese en coller. O parsi, moi familiarizado cos camiños e os carreiros do país, pretendeu gañar unha vintena de millas atallando polo bosque, e confiaron nel.
Phileas Fogg e sir Francis Cromarty, afundidos ata o pescozo nas artolas, resultaban violentamente sacudidos polo trote ríxido do elefante, ao que lle impoñía unha marcha rápida o su mahut. Pero eles aturaban a situación coa meirande flegma británica, observaban pouco e case que non se vían un ao outro.
Tocante a Passepartout, sentado no lombo do animal e directamente sometido aos golpes e contragolpes, tiña bo coidado, conforme a unha recomendación do seu amo, de non conservar a lingua entre os dentes, se é que non a quería cortar a rente. O bo do mozo, ora lanzado contra o pescozo do elefante, ora guintado contra as súas ancas, facía o volteo coma un clown sobre dun trampolín. Pero el divertíase, rindo no medio dos seus saltos de acróbata, e tiraba unha pedra de azucre do seu peto cada pouco, que o intelixente Kiouni agarraba co bico da trompa sen interromper un instante o seu trote regular.
Tras dúas horas de marcha, o guía detivo o elefante e deulle unha hora de repouso. O animal devorou ramallada das árbores e arbustos, despois de apagar e sede nunha charca próxima. Sir Francis Cromarty non se queixou por este alto. Estaba desfeito. Mr. Fogg semellaba tan fresco coma se acabase de erguerse do leito."
VERNE, Jules. A volta ao mundo en 80 días.Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 2008. ISBN 978-84-9782-775-1.
Podes lelo tamén en internet gratis e de xeito legal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario