O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Polo San Martiño...

O San Martiño é unha data moi especial en Galicia. Os refráns que oiredes fan referencia especialmente ás castañas, ó viño novo e á matanza do porco.
Hoxe recollemos algúns refráns deste tempo. Coñecedes algún que non estea aquí?


Polo San Martiño, castañas e viño.
Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño.
A castaña que está no camiño é do veciño.
As castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho.
De San Miguel a San Martiño, recóllese o pan e gárdase o viño.
Do novo viño bota un traguiño polo San Martiño.
En San Martiño abre o pipote de viño.
No San Martiño bebe viño e deixa auga pró muiño.
No San Martiño, porco e viño.
Con castañas asadas e viño novo xa non morre o pobo.
San Martiño, vai ó magosto e mata o porquiño.
Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín.
Polo San Martiño, trompos ao camiño.
Polo San Martiño, peóns ao camiño; polo San Amaro, peóns ao faiado.
No día de San Martiño, abilla o teu viño.
Despois de San Martiño vén o inverno de camiño.
Horta de San Martiño, mantén ao seu dono e máis ao veciño.
Polo San Martiño, mata o porco e proba o viño.
O verán de San Martiño son tres días e máis un pouquiño.
Polo San Martiño, mata o teu porquiño.
Polo San Martiño, buxainas ó camiño.
Polo San Martiño di o inverno ¡¡¡¡Alá vou eu!!!!
A todo porco lle chega o seu San Martiño.
O veranciño de San Martiño, ou grande ou pequeniño.
Polo San Martiño, andan as noces a roliño.
Polo San Martiño faise o magosto, con castañas asadas e viño ou mosto.


E xa sabedes: o noso magosto, o xoves!

Ningún comentario: