Fernández
Paz, Agustín. Malos tempos para os fantasmas. Vigo: Xerais,
2012. ISBN 978-84-9914-437-5
“Prometérase a si mesma que faría
a denuncia o mesmo día en que aquel home molestase a Marta. Aínda
que, se cadra, iso nunca sucedería; o feito de que ela tamén fose
profesora outorgáballe á súa filla un estatus especial. Porque don
Rodrigo non era parvo e escollía para as súas agresións aqueles
alumnos (nunca lles pegaba ás nenas, con elas só utilizaba a
violencia verbal) que, polas súas circunstancias familiares, era
improbable que protestasen.
- ¿E logo que fixo hoxe? Anda, cálmate e cóntamo.
- ¿Que fixo? –Marta fervía con indignación–. ¡De todo, hoxe fixo de todo! Non sei como non me erguín e non marchei da clase; ata discutín despois con Bea por iso, por non termos a valentía de erguernos e marchar.
- ¿Vasmo contar ou non? –insistiu a nai.
- Nada máis entrar na aula, xa empezou. Hoxe durmiría mal, ou non atoparía onde aparcar, ou bebería no almorzo… ¡que sei eu! –Marta tratou de serenarse; os feitos eran tan indignantes que precisaba contalos coa maior frialdade posible–. O caso é que, antes de empezarmos a clase, achegouse a Andrés, un neno algo traste que se senta preto da porta, e arreoulle una labazada. ¡Así, sen máis nin máis! “¿E por que me pega?”, preguntoulle Andrés, aguantando as ganas de chorar. E vai o bruto ese e contéstalle: “Polas que ías facer hoxe na clase, así xa vou adiantando traballo.” ¿A ti que che parece? ¿Non cres que está tolo de remate?”
Ningún comentario:
Publicar un comentario