24/04/12

Abrir un libro e deixarse levar

Seguimos a celebrar o Día Mundial do Libro! Agustín Fernández Paz, un dos vosos autores favoritos, escribiu este texto, "Os ríos da vida",  como agasallo ás bibliotecas escolares galegas no Día do Libro:

OS RÍOS DA VIDA


Din que todas as persoas necesitamos as historias, tanto coma a auga que bebemos, tanto coma o pan de cada día. Que sorte, que sexan tan doadas de conseguir! Só hai que abrir un libro e deixarse arrastrar polo río das palabras, esas que fan nacer dentro de nós outros mundos e outras vidas.

Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desespero de sentirse só entre ríos de xente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles…

Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir.

Agustín Fernández Paz



Non queremos deixar pasar a ocasión de dar os nosos parabéns ó señor Fernández Paz polo premio Antón Losada Diéguez á creación literaria pola súa novela Non hai noite tan longa.

Fotografía: Fall, de Ursula I Abresch

Ningún comentario: