23/04/12

Manifesto para promover a lectura na escola

Hoxe, Día Mundial do Libro, queremos sumarnos ó manifesto redactado por Luis Arizaleta, especialista en lectura, que nos recorda os principais aspectos necesarios para promover a lectura dende e na escola.

 Para un ambiente de lectura na escola

23 de abril de 2012, Día do Libro


1º Educar unha actitude favorable
A disposición persoal que vincula íntima e favorablemente á comunicación mediada por textos configúrase ao fío de experiencias significativas nutridas de emoción, metáforas e imaxes.

2º Gozar a comunicación
Os textos pódense compartir desde idade moi temperá e gozar xunto a outras persoas en situacións agradables e pracenteiras que crean climas propicios para o xogo, a expresión e o diálogo.

3º Xerar unha motivación persoal

A actitude persoal favorable convértese en motivación autónoma conforme vai sendo interiorizada por quen sente a comunicación mediada por textos como unha fonte de pracer estético e intelectivo, un camiño para a indagación e o descubrimento, unha vía de conexión co mundo e de proxección imaxinaria nel.

4º Recoñecer a diversidade
Cada persoa orienta a súa motivación de acordo a preferencias e intereses diversos como diversas e plurais son a vida, as expectativas individuais, as relacións. Por iso os lectores deben poder elixir as súas lecturas entre unha ampla variedade de rexistros culturais e de tipoloxías textuais.

5º Favorecer a liberdade de lectura

Ser lector é crecer en liberdade. A educación da lectura en liberdade ten que ser capaz de amparar a diferenza, os valores diverxentes, a crítica das aparencias ou a incorrección transgresora que cada lector reelabora no seu mundo imaxinario.

6º Apreciar a calidade literaria

En todas as tipoloxías textuais existen textos de calidade literaria, non estereotipados e accesibles para lectores de distinta idade, cuxa recepción alimenta os procesos de educación literaria que traen consigo aprecio da beleza, discernimiento entre fondura e banalidade, diálogo cun mesmo, recoñecemento da alteridade.

7º Exercer a mediación entre os lectores e os textos

O adulto que exerce o papel de mediador entre os textos e os seus receptores activa a educación literaria e acompaña o desenvolvemento de afeccións á lectura recoñecendo a diversidade, favorecendo a liberdade de lectura, apreciando a calidade literaria. Estimula temperá e continuadamente a disposición á emisión/recepción de textos, narra e le en voz alta, comparte experiencias de lectura, recibe recomendacións dos outros lectores, selecciona e recomenda lecturas que gozou e que valora como accesibles e interpretables para o lector con quen dialoga.

8º Desenvolver a competencia comunicativa
A interacción satisfactoria cos outros nunha contorna textual, escoitar e dicir textos, escribir textos para ser lidos por un interlocutor e ler en voz alta, dialogar sobre os textos, favorece a maduración da competencia para a comunicación lingüística e o crecemento persoal.

9º Vincular pracer lector e comprensión
Pracer lector e comprensión lectora van da man: esta é a conclusión do Informe PISA 2009 acerca da asociación entre o rendemento en comprensión lectora, a motivación persoal cara á lectura e o pracer de ler:
“En todos os países, os alumnos que gozaban máis coa lectura tiveron un rendemento significativamente máis alto que aqueles que dixeron que non lles gustaba ler… Os alumnos que non len por diversión son os que, xeralmente, non gozan lendo. O goce pola lectura é, de acordo con PISA 2009, unha condición previa da motivación cara á lectura… Ler por pracer e rendemento son factores positivamente asociados. O baixo rendemento en comprensión lectora nos alumnos que din non ler por diversión parece aconsellar a difusión de medidas de fomento da lectura, pero animar aos alumnos a ler máis horas non significa necesariamente que melloren a súa comprensión lectora. Existe un limiar que indica que a diferenza estriba en que lean diariamente por diversión, non na cantidade “bruta” de tempo que pasan lendo.”
“PISA 2009. Informe español”. Ministerio de Educación, 2010
http://www.educacion.gob.es/dctm/ministerio/horizontales/prensa/notas/2010/20101207-pisa2009-informeespanol.pdf?documentId=0901e72b806ea35a

10º Distinguir entre reprodución e produción

O diálogo sobre os distintos significados extraídos polos lectores tras as súas lecturas, a interpretación compartida, permite profundar no sentido dos textos indo máis aló das pautas que miden a mera capacidade para reproducir significantes pero non desenvolven a competencia para producir novos significados.

11º Alentar a afección e a dedicación
A motivación autónoma e o desenvolvemento da competencia comunicativa alentan a procura de novos retos textuais cada vez máis complexos, que requiren afección, dedicación e esforzo, e vense recompensados con novos achados de pracer lector.

12º Caracterizar a Biblioteca como lugar para o pracer lector

A Biblioteca escolar é o lugar privilexiado da Comunidade Educativa para as interaccións en torno aos textos, un recurso para o traballo do profesorado que desexa compartir o pracer de ler e un ambiente idóneo para desenvolver o gusto pola lectura e para articular estratexias de educación lectora e literaria coherentes.

*Luís Arizaleta (educador literario, Pamplona). Seve Quella (escritor, Bilbao). José García Guerreiro (coordinador de bibliotecas escolares, Málaga). Miguel Anxo Mendo (escritor, Madrid). Emilio Roca (profesor de Educación Secundaria, A Coruña). Jordi Rodríguez Artés (mestre de Educación primaria, Barcelona).


Ningún comentario: