27/04/12

Merlín e familia - Páx. 99

CUNQUEIRO, Álvaro. Merlín e familia. Vigo: Galaxia, 2003. ISBN 84-8288-637-1.

"Mi amo respondeulle que pensase noutras cousas, que aínda se iba rir unha hora amosándolla ao señor bispo de Lamego. E que si tocaban a morrer, millor que chiscarlle o ollo a un pernil francés era poñerse a formar as contas da ialma. Chegou daquela de Meira o sobriño do Liaño coa triaca prepósita i as píldoras de mel sedativa, e menciñou o señor Merlín ao suízo, e deixámolo nunha siestiña pra ir xantar. E cando rematamos, i houbo tanta familia pra ver enxogar a boca a meu amo e lavalas mans como pra ver as bólas de neve, rubimos acarón do suízo, e xa estaba desperto, cos ollos vivos, peiteando a perilla.
- Paréceme, meu señor mago, que vou curado -díxolle a mi amo.
- Tamén eu estou niso, e non é miragre, que a triaca prepósita está en tal virtú, que ou revira a un dunha vez contras as apariencias diste mundo, ou de contado sana ao doente. E demos gracias al Señor por ter chegado a tempo.
Todo isto i outras razós en francesa fala púxolle mi amo ao suízo, i adiantoulle, según soupen, unha onza pra seguir camiño, i o mosiú Simplom agasallou ao señor Merlín cunha bóla de neve, e don meu amo mandoume escoller, i eu puxen de preferida a do cabaleiro pasando o monte, polo moito que me gostaba o baionciño i a música de axóuxeres que tiña a bóla na caixa de pé. E como anoitece doado en outono, determiñou o señor Merlín regresar a Miranda, pasando o Pontigo de día, que entre San Lucas e Santos xa ouvea o lobo en aquelas cavadas, e mandoume montar tras il a mullerengas, e trotamos tan vivo que parecía que se alongaba a serán."


Ningún comentario: