O blog da biblioteca do CPI da Ribeira



Rematando xa a semana da prensa, este venres imos publicar un artigo de opinión (que, ademais, fai referencia á prensa escrita) en lugares da clásica páxina 99 dalgún libro.

Este artigo de José Luis Sucasas foi publicado en Praza Pública o 4 de marzo:

Comentario de texto sobre a pataca de Coristanco


O xoves 13 de Febreiro, véspera de San Valentín, baixáballe un café de cedo na Nave do Vidán, en Santiago. Como El País e El Mundo estaban ocupados, e tamén o Sermos Galiza, decidín enredar coas follas de El Correo Gallego. In illo tempore, cando se podía fumar, aínda un lle botaba un cigarro e xogaba a facer aneis de fume e mirar como ían ascendendo cara o teito; pero agora esas exquisiteces remataron e a reconversión foi dura, sobre todo para os que somos de mans inquedas e parola escasa. Que facemos entre grolo e grolo? A Deus grazas, aínda temos nos mostradores xornais e revistas para ir temperando a angustia do silencio e da nada.

Fun pasando as follas sen sobresalto. Pero a medio xornal, nas páxinas adicadas ás Terras de Santiago, enfociñei nun titular de letras gordas. “A Garda Civil rexistrou durante dez horas o Concello de Coristanco”, dicía. Vaia, ho! Non vai haber tricornios para tanto Concello corrupto, pensei, asemade intentaba situar Coristanco no mapa. Veume de primeiras á cabeza a famosa pataca, pero debo recoñecer que no asunto cartográfico non cheguei mais aló de situalo onda Carballo, non sabía se cuartas arriba ou cuartas abaixo. Ben, xa miraría nalgún mapa que houbera pola casa; agora debía seguir lendo a crónica asinada por José M. Ramos, o correspondente de guerra en Coristanco.

Seica aí contra as 9:30 da mañá, entraron no Concello axentes da Garda Civil a remexer nas dependencias municipais, na procura de documentación de contratacións relativas a varias empresas da localidade; e ás 19:30, dez horas despois, abandonaron o Consistorio con varias caixas nas que levaban a colleita apañada. Cóntase despois que xulgado ordenou o rexistro e fáiselles sitio ás primeiras declaración do xerente dunha das empresas investigadas, onde nega calquera relación de tipo persoal co alcalde, un tal Antonio Pensado. Ben pensado, despois de 250 palabras, xa horas era que fora saíndo por algures o nome do alcalde, que un non é de Coristanco nin adiviño, que xa aquilo parecía un Concello pantasma sen patrón nin mariñeiros.

50 palabras despois -xa imos nas 300-, do alcalde só sabiamos o nome, e comezaban as referencias ás primeiras reaccións dos grupos políticos da oposición: Amancio Lavandeira, voceiro de TeGa, e Laura Mariño, voceira do BNG. E con este coñecemento chego ao remate da crónica, 450 palabras despois: Sei o nome das empresas investigadas, e como se chaman os voceiros da oposición e a que grupo político pertencen; pero do alcalde, patrón e máximo responsable do Concello rexistrado, só sei o nome e a pinta, pero non de que pé coxea. Segundo o texto de José M. Ramos, en Coristanco hai xente tega, xente benegá e xente a secas. E o alcalde debe ser destes últimos.

Daquela vexo un recadro con foto, á dereita do texto da crónica. Baixo o título El Protagonista, aparece  por segunda vez Antonio Pensado, no papel de Alcalde, e o retrato dunha cabeza importante, con papada e pelo en retirada, lambido cara atrás. Será xente a secas, pero dálle a pinta que gusta de lamber na cazola (Recoñezo que aquí hai moito de envexa, xa que eu son mais ben frugal). Leo con atención o texto do recadro, confiado en que o correspondente desvelará por fin a familia política do protagonista, botando por terra tódalas miñas teorías conspiratorias e demais maldades das que é capaz a miña mente ideoloxizada e malpensada. Nada que vai a ningures! Nas 70 palabras do recadro tampouco se contaba nada da filiación política do protagonista.

Estou afeito a que os políticos teñan, ademais de nome, un apelido identificador da familia ou clan ao que pertencen e representan; e se non hai apelido, coma neste caso, acéndenseme as luces de avaría e chían as alarmas, xa que perdo a orientación e non sei onde carallo anda o inimigo. Así debía ser a información nos tempos de Paca, la Culona. Unha friaxe percorre o meu espiñazo e arrimo o bandullo no mostrador con forza, para non caer. Escoitei xa moitas veces dicir que a política ideoloxizada de Zapatero deu paso á espida xestión pública de Rajoy; pero os galegos levamos xa cinco anos escoitando dicir o mesmo de Feijoo, e sabemos que tal cousa é un conto, ou unha simulación da realidade en diferido. Feijoo e Rajoy non desvisten a xestión pública, só lle cambian o fondo de armario: desfanse da roupa de tecidos naturais, e cores mornas, vivas e rechamantes; e no seu lugar, vístenlle transparencias de poliéster en plena invernía, que mesmo da frío só mirala. 

Fonte da imaxe: La Voz de Galicia

Ningún comentario: