27/03/14

O caderno dourado - Páx. 99

LESSING, Doris. O caderno dourado. Vigo: Galaxia, 2009. ISBN 978-84-9865-154-6.

Contracuberta:
Publicada por primeira vez en 1962 e considerada unha das grandes novelas do século XX, O caderno dourado conta a historia de Anna Wulf, unha escritora inmersa nunha crise persoal que decide anotar as súas experiencias en catro cadernos de cor diferente: o caderno negro para a súa vida literaria, o vermello para a política, o amarelo para a vida emocional e o azul para todo o cotián.
Velaquí a obra coa que Doris Lessing (Kermanshah, Irán, 1919), Premio Nobel de Literatura en 2007, acadou o recoñecemento internacional.


"[Os catro cadernos eran idénticos, cadrados, duns corenta e cinco por corenta e cinco, coas capas brillantes, coma a textura dunha seda barata con reflexos de augas. Coas capas abertas, de maneira que quedasen á vista as primeiras páxinas de cada caderno, daba a impresión de que a orde non se impuxera desde o primeiro momento. En cada un dos cadernos, unha ou dúas páxinas do inicio mostraban apuntamentos deixados a medias e frases cortadas. Despois aparecía un título, coma se Anna se dividise, case automaticamente, en catro, e despois, a partir da natureza do que escribira, titulara aquelas divisións. E así fora. O primeiro caderno, o negro, comezaba cuns garabatos, símbolos musicais soltos, claves de sol que se convertían no signo da libra esterlina e volvían a clave; a seguir, un complexo deseño de círculos entrelazados; despois palabras:]
   
          negro
                escuro, que escuro está
                        está escuro
                             hai aquí unha especie de escuridade

[E a continuación, nunha caligrafía nova, asombrada:]

      Cada vez que me poño a escribir e relaxo a mente, as verbas Que escuro está, ou algo relacionado coa escuridade. Terror. O terror desta cidade. Medo a estar soa. Só unha cousa impide que me incorpore dun salto e me poña a berrar ou corra ao teléfono para chamar a alguén, e é transportarme deliberadamente co pensamento ata volver a aquela luz abrasadora… Luz branca, a luz, ollos pechados, a luz vermella que queima os globos oculares. A calor bruta e pulsátil dunha pena de granito. A miña palma aberta sobre ela, a moverse sobre os liques. A textura dos liques. Diminutos, coma as orelliñas dun animal minúsculo, unha cálida seda salvaxe contra a palma, tirando insistente nos poros da miña pel. E a calor. O cheiro do sol sobre a pedra quente. Seca e abrasada, e a seda do po na miña fazula, cheiro do sol, do sol".

Ningún comentario: