O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Sete caveiras - Páx. 99


 GALLEGO ABAD, Elena. Sete caveiras. Vigo: Xerais, 2014. ISBN 978-84-9914-569-3.

Contracuberta:
Cando a xornalista Marta Vilas descobre o cadáver dun motorista aboiando en augas do porto vigués do Berbés, non pode imaxinar que o pequeno xoguete que o seu asasino agochou no peto do morto está a piques de mudarlle a vida. Aquel click, das primeiras series da desaparecida Famobil, é o único fío que parece unir este asasinato co garda civil rescatado por un pesqueiro de Cangas. E cos cadáveres que, ao longo dos días seguintes, irán aparecendo na ría de Vigo. Pero ninguén máis o sabe. 
Sobre a mesa de Marta Vilas comezan a amorearse os xoguetes de colección. Un clik motorista roubado do peto dun motorista, un click garda civil atopado preto do corpo dun membro de benemérita, un click pirata esquecido no coche dun informático asasinado… Para a xornalista, apartada da sección de Sucesos por diferenzas co redactor xefe do seu diario, descubrir a identidade do criminal convértese nunha obsesión. Aínda que nunca poderá contar todo o que sabe.

 "—Ben, volvamos ao século vinte e un. Cinco dos teus amigos están mortos e enterrados e iso xa non ten remedio. Hoxe xa publicamos cumprida información sobre o caso e, se non hai outras novidades importantes, para mañá podería escribir unha páxina sobre os antecedentes vigueses de todos eles… Sen mencionar eses tempos escuros nin a vosa amizade persoal, por suposto. É iso o qeu queres que faga?
O home, que semellaba trasposto, non respondeu.
Marta aproveitou a ocasión.
—Sabes unha cousa? Desde que me pediches que me encargase deste asunto hai algo, un pequeno detalle, que me está a roubar o sono. Enfrontámonos á aparición de cinco cadáveres en escenarios moi semellantes nun prazo de tempo inferior á semana. Non falamos dun morto accidental ou dous, senón de cinco persoas asasinadas por algunha causa que descoñecemos. Mentres nós damos paus de cego, o noso asasino continúa matando coma se tivese un plan perfectamente trazado. Coido que a pregunta é de sentido común. Seguro que non sospeitas quen pode andar detrás de todo isto?
A xornalista abandonou aquel despacho e a redacción do diario sen conseguir que Pablo lle dese unha resposta, mais plenamente convencida de que o seu xefe agochaba datos importantes.
Curuxeiras tiña que saber algo… mais se sospeitaba quen podía ser o culpable daquelas mortes e se sentía en perigo, como era evidente, por que non o denunciaba?
O delicioso recendo que saía pola porta da Taberna do Pirata fixo que lle esqueceran todas aquelas cuestións. Nese intre o seu estómago baleiro reclamaba prioridade absoluta.
 —Ola, Paco! Que preparaches hoxe para xantar?"


Ningún comentario: