23/04/13

Só un libro - Día do libro 2013



Co gallo do Día Mundial do Libro 2013, a escritora, narradora, actriz e directora teatral Paula Carballeira agasalla ás Bibliotecas Escolares de Galicia cun texto que pon en valor as potencialidades do libro para atraer e seducir as lectoras e os lectores, mesmo aqueles que de principio non están especialmente motivados pola lectura.

Non sei que facer.
Miña irmá regaloume un libro.
Un libro.
Entre todos os agasallos que puido escoller, escolleu este.
Un libro.
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo.
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos.
Nada.
É só un libro.
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse.
Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona.
Non.
Que vai reaccionar!
Espera.
O libro espera.
Non se decata de que son máis forte ca el.
Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio.
Se cadra estase rindo de min.
Crerase moi importante por ser un libro.
Vouno abrir.
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña eses
aires de superioridade.
Vaia!
Non está nada mal.
Empézame a caer simpático.
Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo.
Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento.
Era xusto o que eu quería.
Un libro.
Este libro.

Paula Carballeira

Imaxe atopada aquí.


Ningún comentario: