28/01/13

Unha escritora de literatura infantil e xuvenil na Academia

Fina Casalderrey asinando o libro de visitas da nosa biblioteca (curso 2011-12)
 

A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria

Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

1 comentario:

osquelemos dixo...

Como esta entrada foi publicada simultaneamente por bibliotecas escolares de toda Galicia, Fina Casalderrey enviounos esta mensaxe:
"En momentos coma este é cando máis sinto ser tan... tan ?analóxica? e tan pouco ?dixital?, para ser quen de lles facer chegar o meu agradecemento a toda esa xente das bibliotecas escolares. Son as felicitacións que mellor me saben, as que me chegan directamente á pel da alma para me emocionar sen disimulos... Ben sei que non merezo eses aloumiños, pero esa chamada de atención festiva para ?espallar a nova? fai me sentir forzas para non defraudarvos, para tentar a seguir sendo útil dende onde me toque estar. Son, non podo esquecelo mestra de escola, unha mestra que escribe ( coma outras moitas e moitos) que grazas a moreas de bibliotecarios e bibliotecarias, de mestras e mestres, de libreiros, libreiras... que poñen os meus libros nas mans dos escolares, me chaman ?escritora?, algo co que nin soñei de nena...
Estou un chisquiño cansa estes días... pero tan reconfortada e agradecida!
Só podo enviarvos apertas infinitas
Fina"