29/01/13

Ler libros online

En papel ou en pantalla, de día ou de noite, sós ou en compañía, 

de amor ou de misterio... o importante é ler. 

Imaxe atopada aquí.

Alguén preguntounos como e onde ler libros en internet. Hai varios portais que nos permiten ler libros gratis dende calquera sitio sempre e cando teñamos conexión, así que imos ver 3 moi distintos na súa filosofía:

- Leer libros online: web totalmente gratuita onde podemos atopar moitos libros para ler online... completamente rodeados de publicidade (de algo teñen que vivir os que fixeron a páxina!). En realidade, os libros téñennos aloxados en issuu.com; o bo é que non hai que abrir unha conta nin darse de alta, pero o malo é que a web non lembra onde deixamos a lectura e teremos que levar a conta nós para poder seguir lendo. De tódolos xeitos, é un bo sitio como mínimo para botarlle un ollo a un libro antes de mercalo.
É probable que este sitio acabe desaparecendo xa que sospeitamos que non é totalmente legal, así que aproveitade mentras dure.
Enriba de todo hai varias pestanas con categorías, hai tamén un buscador e unhas listaxes de categorías e de etiquetas á dereita que van axudarnos a atopar o que buscamos ou o que nos gusta.
Exemplos de libros que contén: todos os de Moccia, Juego de tronos (George R. R. Martin), Las crónicas de Narnia (C. S. Lewis), Crónicas vampíricas (L. J. Smith), libros de Laura Gallego, Saramago, Poe, Orwell... e de todo!



- 24 symbols: esta web funciona por suscrición, aínda que ten algúns libros gratuitos. Unha vez feita unha conta, podemos elexir entre ler libros gratis (os que non teñen ningún logo enriba) ou pagar unha cantidade mensual, trimestral ou anual para ler cantos libros queramos (a partires de 5€ mensuais). Non precisamos nin podemos descargar nada, só funciona con conexión a internet; o bo é que cada vez que nos conectemos e abramos o noso libro, a web lembrará onde paramos de ler e poderemos seguir dende aí. Hai libros en castelán, catalán, inglés, francés, italiano, portugués, alemán e holandés. Galego, non. Recoméndase explorar as distintas categorías e as recomendacións para atopar máis libros gratis.
Exemplos de libros gratuitos: El médico (Noah Gordon), Orgullo y prejuicio (Jane Austen), Los crímenes del museo (T. García Yebra), Hamlet (Shakespeare).





 - Booquo: esta plataforma de Círculo de Lectores é unha tenda de libros electrónicos (tamén películas e revistas) que ten un sistema de suscrición (chamado "premium") para ler libros online. Cunha cota de 10€ mensuais (8€ para os membros do Círculo de Lectores) temos acceso ilimitado a unha selección de libros. Os libros e revistas que lemos gárdanse na nube e podemos acceder a eles dende calquera sitio, pero tamén podemos descargalos a dispositivos móbiles (tableta, ebook, móbil...), en realidade ata 5 dispositivos por cliente. É unha boa idea se ledes moito, pois tedes tarifa plana por 10€ ó mes. Para os menos lectores, probablemente non compense. Por outra banda, a selección de libros premium non é amplísima, así que hai que velo con lupa antes de darse de alta, ou probar un mes...
As películas, para ver tamén online, son baratas, pero tampouco podemos descargalas.
Exemplos de libros da biblioteca premium: Tiempo entre costuras (María Dueñas), La guitarra de John Lennon (Jordi Sierra i Fabra), La huella del hereje (Laura Gallego), La playa de los ahogados (Domingo Villar). Non atopamos ningún libro en galego na selección premium.




Ningún comentario: