O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Lémonos en setembro!

Xa, por fin, vai chegando ese merecido descanso para alumnado, profes e persoal do centro, e osquelemos tamén descansaremos para voltar en setembro con novas e mellores historias.

Este foi un curso intenso, de moito traballo na biblioteca, pero tamén con moitas satisfaccións. A todos os que estivechedes aí, lendo e compartindo libros, moitas grazas; que o verán vos traia moita ledicia e moitas letras de tódalas cores!

Como regalo de despedida deixámosvos este vídeo do IES Chano Piñeiro, de Forcarei, que nos gustou moito. E esperamos poder colgar aquí dentro de pouco os vídeos que fixemos este ano (os recitais de Lorca e de "Como debuxar un paxaro", e o lipdub no que participou todo o centro).

Non esquezades que tedes os boletíns de verán da biblioteca, coas lecturas recomendadas, tamén aquí no blogue.


Feliz e longo verán a todos e todas!





LER NON É CLANDESTINO


Entrar na biblioteca
momentos de pracer
só con coller un libro
para soñar e ler.

Vencidos por un dragón
doutra civilización
buscando asasinos
que mudan a súa pel.

Unha paixón constante
un romance sen final
do amor ser un cativo
antes de te conquistar.

Son un náufrago no mar
Pantasma ou Supermán
mil seres diferentes
todos no mesmo lugar.

Entrar na biblioteca
porque sempre quero ler
viaxar mundo distintos
en barco, nave, avión ou tren.

Bosques, ríos a salvar
de caza ou en alta mar
por selvas e desertos
todo iso agochado está.

Eu son libre: con un libro!
Ti es libre: con un libro!
El é libre: con un libro!
A lectura é ideal!

Entrar na biblioteca
quixera non pensar
a mellor das escollas
para se relaxar.

Unha vida e outras cen
sorrisos de papel
todo iso está nos libros
e logo ti por que non les?

Arríscate: colle un libro!
Aventúrate: colle un libro!  
Anímate: colle un libro!
A lectura é ideal!

2 comentarios:

Ronsel dixo...

Moitísimas grazas por recollelo no voso blogue. Que a lectura se espalle máis cá crise! Saúdos.

osquelemos dixo...

Grazas a vos por compartir o voso traballo! E ogallás a lectura poda coa crise, dende logo que si! :-)

Aproveitamos para recomendar a todos non unha visita senón unha visita diaria ó voso blogue, que ben o vale:

http://trafegandoronseis.blogspot.com

Feliz verán!