"- Manuel. Eu tamén estiven nun lugar como África.
O pícaro abriu os ollos desmesuradamente, tanto, tanto, que lle quixeron desbordar as cuncas e precipitarse sobre o nariz e o bico diminutos.
- En África! Ti fuches buscar a mamá a África?
- Non. Mamá naceu aquí, non naceu en África. Os nenos tamén poden nacer aquí. E antes de nacer mamá eu estiven nun lugar como África.
- E tiñas unha aldea, alá en África, avó?
- Tiña. Unha aldea na que había moitos nenos descalzos de pé e perna. Como en África. E non había auga tampouco e había que ir buscala en baldes á fonte da Lousa, onda a capela de San Martiño, para regar as hortas. E mi madre ía lavar ao pío e mi padre ía de xornaleiro moi moi lonxe segar as terras dos señores. E para saír da aldea tiven que coller un barco cando era case coma ti e viaxar moitos, moitísimos días.
- Ti só, avó?
- Eu só.
- A túa aldea en África está lonxe como a miña?
- Está tan lonxe que por moito que andásemos e andásemos non daríamos chegado nunca.
- Claro, avó. Pois iso é moi lonxe. África está moi lonxe. Máis lonxe que a peli de Shrek.
- Si, pero ás veces non tanto como parece.
- Buf, si, moi lonxe. Por iso non daba chegado a Catwoman...
- A Catwoman?
- Si, a Catwoman, avó. Son cousas miñas.
- Cousas túas. Claro.
- E ti estrañas a túa aldea de África, avó?
- Estraño. Estraño moito a aldea e aquel neno que corría descalzo a buscar auga ao río. Tanto correr para isto, para isto..."
01/06/12
Ás de bolboreta - Páx. 99
ANEIROS, Rosa. Ás de bolboreta. Vigo: Xerais, 2009. ISBN 978-84-9914-028-5
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario