Xa se pode descargar (e de balde) 'Puag que noxo!' para iPhone e iPad
Vén de nacer o primeiro libro galego para estes novos soportes
Dende as primeiras horas do venres xa é posible descargar dende a tenda de Apple Store a aplicación que, dentro do proxecto Contoplanet (froito da alianza entre Galaxia, Perro Verde e Milrayas) preparamos arredor do libro de Fina Casalderrey e Andrés Meixide, Puag que noxo!
O conto pode descargarse de balde para comezar a ler e xogar dende o primeiro instante, con todas as posibilidades de interactividade que ofrece, así como as combinacións de textos e locución en galego, castelán e inglés, ou gravar as súas propias para personalizar absolutamente o conto. Deste xeito, cada libro é unha experiencia persoal, con zonas táctiles, efectos de son e animacións.
Dende a tenda de Apple Store poderán descargarse en breve outros catro contos: Quen son?, de Alicia Borrás (con ilustracións de Andrés Meixide), Voces na lagoa do espantallo, de Xan López Domínguez, ¡Un can no piso!, de Fina Casalderrey (con ilustracións de Kristina Sabaite) e Conto para non comer, de Oli (tamén ilustrado por Andrés Meixide).
Unha vez que o usuario acceda á librería de Contoplanet na tenda de Apple, atopará as cubertas de cinco libros da colección Árbore de Galaxia para escoller cal quere descargarse. A partir de aí, o entorno dixital, intuitivo e táctil, pasa a ser protagonista nun produto que permite comentar dende o primeiro instante as nosas sensacións, a un só toque de dedo, nas principais redes sociais (facebook, twitter…) así como recomendacións a amigos a través de email. Por suposto, existirá tamén a posibilidade de, ao remate do conto, acceder ao catálogo da editorial para mercar o libro físico.
Con esta nova iniciativa, Editorial Galaxia continúa apostando forte polas novas tecnoloxías, o entorno dixital e a modernidade para que a lingua e a literatura de nós teña o protagonismo tamén nestes novos mundos que xa son o noso presente máis inmediato.
.
Ningún comentario:
Publicar un comentario