O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Programación da semana

Esta semana vai ser movidiña! Ademais desas cousas desagradables que tocan a estas alturas (avaliacións e notas), temos varias actividades programadas:

martes 19: o alumnado de 2º, 3º e 4º vai facer unha ruta rosaliana, visitando Padrón, Bastabales e Santiago, e a Casa Museo de Rosalía. O motivo xa adiviñades cal é: vimos de celebrar o nacemento de Rosalía e en marzo cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.Como agasallo para os que ides e para os que non ides alá, aquí tedes un fragmento de "Campanas de Bastabales", de Rosalía:

 Paseniño, paseniño
vou pola tarde calada
de Bastabales camiño.

Camiño do meu contento;
i en tanto o sol non se esconde
nunha pedriña me sento.

E sentada estou mirando
como a lua vai saíndo,
como o sol se vai deitando.

Cal se deita, cal se esconde
mentras tanto corre a lua
sin saberse para donde.

Para donde vai tan soia
sin que aos tristes que a miramos
nin nos fale nin nos oia.

Que si oira e nos falara,
moitas cousas lle dixera,
moitas cousas lle contara.



mércores 20: o alumnado de 3º e 4º da ESO terá unha charla con Tania González, unha especialista en caracterización cinematográfica (o que soemos chamar "maquillaxe") que traballou, entre outras cousas, na serie "Libro de familia" (TVG). A charla inclúe o visionado de fotos e vídeos espectaculares!
Grazas ós caracterizadores as películas son máis cribles e ademais temos personaxes coma esta:

Imaxe atopada aquí.


xoves 21: no Día Mundial da Poesía, teremos un espectáculo poético de primeira clase: a Hostia en Verso. Como algúns de vós pensades que a poesía é un rollo, ou unha cursilada, ou cousa de xente que xa leva tempo morta e enterrada, imos tentar cambiar a vosa opinión coa axuda dos Poetas da Hostia. Este grupo está formado por varios poetas da nosa terra (María Lado e Lucía Aldao, Daniel Landesa, Ledicia Costas...) que soen actuar coa compañía dun músico; normalmente fan as súas "batallas de poetas" en bares, pero desta temos a sorte de que veñan ó noso centro. Estade preparados para o mellor, porque iso xusto é o que farán na nosa biblioteca! Deixámosvos esta entrevista en verso que fixeron na Voz de Galicia para que os vaiades coñecendo.




venres 22: para rematar a semana e afondar un pouco máis no tema da muller traballadora, un grupo de alumnas do IES Ribeira do Louro virá representar a varias mulleres famosas e destacables de Galicia e do mundo enteiro, de agora e de sempre. Neste enlace tedes unha presentación desas mulleres para que vos fagades unha idea.

Ningún comentario: