O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Rosalía


Onte, 24 de febreiro, celebramos o Día de Rosalía, polo aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (1837-1885). Ademais, este é un ano especial, xa que van 150 anos dende a publicación de Cantares Gallegos, o primeiro libro escrito enteiramente en galego da época moderna. Hoxe queremos facer un homenaxe a esta obra tan importante na literatura galega.

Empezaremos por escoitar un dos poemas de Cantares Gallegos: Alborada, de Rosalía, na moderna versión de Carlos Núñez (2009) con Fernanda Takai:

Alborada
I
Vaite, noi-
te,—vai fuxin-
do.—Vente auro-
ra,—vente abrin-
do,—co teu ros-
tro,—que, sorrin-
do,—¡¡¡a sombra espanta!!!

¡Canta,
paxariño, can-
ta—de ponliña en pon-
la,—que o sol se levan-
ta—polo monte ver-
de,—polo verde mon-
te,—alegrando as her-
bas,—alegrando as fon-
tes!...

¡Canta, paxariño alegre,
canta!
¡Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos
e temores,
agoreira
de dolores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
¡Sal...!

Que a auroriña
o ceu colora
cuns arbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
teñidiño
de escalrata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
antre as ondas
de cristal.

¡Sal...!
señora en todo mal,
que o sol
xa brila
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol
derrete con amor a escarcha fría.

Rosalía de Castro - Cantares Gallegos (1863)




Que rindamos homenaxe a Rosalía non é ningunha cousa rara: xa escritores da talla de Curros Enríquez escribiron para ela:

A Rosalía
Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan soia
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Manuel Curros Enríquez - Aires da miña terra (1880)

Escoitemos este poema na versión de Xabier Díaz e Guillerme Fernández:



Non esquezades visitar a exposición sobre Rosalía que preparou a ANPA do centro, no exterior da biblioteca. Hoxe tamén recibiredes un pequeno agasallo relacionado con Rosalía, e seguiremos traballando nas aulas para o grande recital rosaliano que faremos en abril.

Ningún comentario: