22/02/13

Reckless. Carne de pedra - Páx. 99

Funke, Cornelia. Reckless. Carne de pedra. Vigo: Xerais, 2010. ISBn 978-84-9914-161-9.

Contracuberta:
Jacob Reckless cometeu un erro: despois de moitos anos de precaución, seu irmán Will cruzou o espello e foi tras el… a un mundo no que os contos máis tenebrosos se volven realidade e no que a maldición dunha fada sementa carne de pedra.
Ese mundo foi fuxida e fogar para Jacob durante moitos anos e nel andou por fragas e outeiros na busca de obxectos máxicos para reis e emperadores.
Pero cando a pel de Will se transforma en xade, Jacob marcha na procura dunha única cousa. a menciña que salve a seu irmán.

"O tresdedos con cara de carniceiro foi a primeiro en falar. Aos humanos encantáballes poñer de líderes os homes equivocados. Hentzau podía ver a súa covardía tan claramente coma o acuoso azul dos seus ollos. Pero, despois de todo, contáralle algunhas cousas ben interesantes que a trilla non lle chegara a ensinar.
O goyl de xade non estaba só. Levaba unha moza canda el, e o que era máis importante: tiña, polo que parecía, un irmán a quen se lle metera nos miolos libralo do xade. Se o tresdedos estaba a contar a verdade, pretendía levar o goyl de xade onda a Fada Vermella. Non era parvada ningunha. Coma as outras fadas, esta desprezaba a súa irmá escura. Mais Hentzau estaba seguro de que ela non podería romper a maldición da irmá. A Fada Escura era moito máis poderosa ca as demáis.
Nunca un goyl vira a illa que habitaban as fadas, e moito menos puxera un pé nela. A Fada Escura protexía o segredo das súas irmás a pesar de que estas renegaran dela e todo o mundo sabía que só se atopaba o camiño se as fadas así o desexaban.
—Como quere dar con ela?
—Iso non o dixo! —tatexou o tresdedos.
Hentzau fíxolle un sinal á única muller soldado que o acompañaba. A el non lle compracía golpear carne humana. Podía matalos, pero evitaba tocalos. Nesser non tiña problema ningún con iso.
Deulle unha patada ao tresdedos no medio e medio da cara e Hentzau lanzoulle unha mirada de advertencia. Os humanos asasinaran a súa irmá, por iso axiña se lle ía a man. Durante un intre, Nesser mantívolle a mirada, obstinada, pero despois inclinou a cabeza. A todos eles estábaselles a pegar o odio como flegma sobre a pel.
—Non o dixo! —volveu tatexar o tresdedos—. Xúroo!"




Ningún comentario: