Deste modo, o blogue ten xa 3 seccións que podemos considerar fixas:
- os mércores, a película da semana
- os xoves, o día máis lixeiro, con humor (normalmente, unha viñeta, pero tamén pode ser un vídeo ou outras cousas), cancións...
- os venres, un fragmento dun libro que vos animamos a ler (a famosa páxina 99).
Os outros dous días iremos publicando un pouco de todo, coma sempre. Deste xeito vemos máis cumprida a nosa misión orixinal de ser unha especie de biblioteca (ou centro de recursos) virtual onde atopar lectura, novas, humor, cinema...
A película desta semana, La vida secreta de las abejas, foi unha sorpresa ben agradable. Cando a mercamos fiámonos polo que dicía a carátula... e acertamos de pleno! A novela na que se basa, que pronto atoparedes na biblioteca, foi un dos grandes éxitos do 2003. A falta de lela, só podemos recomendar que leades o libro e vexades a película e logo elixades vós mesmos, aínda que sospeitamos que o libro vai darlle moitas voltas á peli ;-)
A historia transcorre en EEUU nos anos 60, cando os negros tiñan dereito a votar por primeira vez pero gran parte da sociedade aínda non o aceptaba. No medio das tensións raciais que hai no ambiente, coñecemos a Lily, unha rapaza de 14 anos que perdeu a súa nai cando era pequena e que vive co seu pai, con quen non se leva nada ben. Por circunstancias que non queremos desvelar, Lily marcha da súa casa e vai dar a un pacífico e precioso lugar onde coñece a tres irmás (May, June e August, interpretadas pola cantante Alicia Keys e a rapeira Queen Latifah) e síntese, por fin, en casa.
A película fala de amor, de familia, de coraxe, de discriminación, e non deixará indiferente a ninguén.
Neste enlace tedes como se fixo a película. E aquí está o tráiler en castelán:
Dirección: Gina Prince-Bythewood
Guión: Gina Prince-Bythewood & Sue Monk Kidd
Protagonistas: Dakota Fanning, Queen Latifah, Jennifer Hudson, Alicia Keys, Sophie Okonedo, Paul Bettany
Clasificación: para maiores de 13 anos.
Ficha na biblioteca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario