04/05/12

O lobishome de Candeán - Páx. 99

CARBALLEIRA, Paula. O lobishome de Candeán. Vigo: Galaxia, 2009. ISBN 978-84-9865-217-8.

A SEÑORA BALBINA

Elvira cruzárase só un par de veces coa señora Balbina en toda a súa vida, pero se lle preguntasen podería falar moito da súa casa, porque alí xogaba de pequena. Ían ela, Silvia, Bruno e unha rapaza que veraneaba alí daquela: Luísa. Á tardiña, achegábanse sen facer ruído para ver cociñar a señora do pano negro. Aos ollos de Elvira, Balbina sempre fora igual de vella. Tiña sona de rara, mesmo dicían que o do pano Elvira non o tiña tan claro. A casa era moi grande e podía gardar segredos terribles, ou iso imaxinaban eles, que Balbina cociñaba receitas máxicas e alimentaba a súa cociña con ósos do cemiterio. A Silvia e a Elvira divertíalles meterlle medo a Bruno, que parecía devorar cada palabra para despois contarllo á súa nai. "Non lles fagas caso, Bruno", dicíalle a nai á orella, "a señora Balbina non é ningunha bruxa", pero Bruno non quería crer iso, Bruno quería crer que a señora Balbina sabía de feitizos, e que as portas da súa casa grande agochaban marabillas.
A señora Balbina soreprendera as cativas unhas cantas veces agochadas entre as árbores da horta. Elvira era a que máis se arriscaba, a que máis se achegaba á casa. A señora Balbina deixábaas, ela non tiña nada que esconder.
Cando Ulises e Penélope, os cans, deixaron de ser cachorriños, remataron as visitas por sorpresa, e a señora Balbina sorprendeuse botando de menos os ollos escuros de Elvira, a súa cara por detrás dos cristais. Víuna medrar de lonxe, aínda que Elvira sempre a saudaba coma unha antiga coñecida.
Desde que Elvira morrera, a señora Balbina procuraba non mirar os cristais, non fose atopar a cara da nena alí, saudándoa como facía sempre.



Ningún comentario: