25/05/12

Ollos de auga - Páx. 99

VILLAR, Domingo. Ollos de auga. Vigo: Galaxia, 2006. ISBN 978-84-8288-927-6.

"Bravo 1. Violento, de mal carácter. 2. Que vive en liberdade sen domesticar, ou que é difícil de manexar. 3. Planta que nace espontaneamente ou sen enxertar. 4. Que resulta desagradábel ao tacto, ao gusto, etc.

Malia que non volvera dende neno, Leo Caldas reocordaba nitidamente as árbores plantadas na orela da praia de Lapamán. Lembraba a area lixeira, máis branca do habitual, e as dornas varadas. O cheirume a pintura, mar e madeira daquelas barcas pequenas perdurara evocadoramente vivo na súa memoria. Non sabía o efecto que o paso do tempo tería causado na paisaxe, pois o implacábel feísmo inzara durante décadas o litoral. Estando tan cerca, Leo decidiu correr o risco e propúxolle ao seu axudante un descansiño na praia.
Baixaron do cemiterio e colleron unha estrada que discorría entre piñeiros e eucaliptos, paralela á costa. Rafael conducía devagar, pos Caldas non lembraba o emprazamento exacto do desvío. Non percorreran un par de quilómetros cando un rótulo lles indicou o camiño. O inspector pensaba que aquel letreiro non era un bo sinal, mais, afortunadamente, o ramal era estreito e morría enriba da area sen deixar espazo máis que para estacionar uns poucos coches.
Cando aparcaron, os acentes baixaron por unha escaleira de pedra ate sentir o triscar dos grans de area apisoados baixo os seus pés. A praia estaba deserta, a excepción dunha muller nova que tomaba o sol cos seus dous fillos pequenos e outra que recollía algas na orela.
Había dúas ou tres casas de pedra ao pé da praia que Leo non lembraba daquel tempo, pero ao mellor xa estaban alí daquela. Non había rastro das dornas.
Foron sentar baixo as árbores, que continuaban chantadas na beiramar coma nas lembranzas. Caldas colleu unha presada de area e deixouna escorrer entre os dedos. A mesma de sempre: fina e branca.
- Isto si que é unha praia, inspector. E case que enteira para nós. Isto é o paraíso -dixo Estévez, mirando en derredor-. Sempre está así?
- Polo que eu sei, no verán vén máis xente, mais nunca é unha invasión.
A Estévez, acostumado ao invariábel Mediterráneo, sorprendíalle a cantidade de praia que descubrira o refluxo da marea. O axente descalzouse e foi dando un paseo até a auga.
O inspector permaneceu tendido na area, cos ollos pechados, facendo unha análise mental do caso que tiña entre mans. Pensaba que, de non sacar algo en limpo da conversa desa noite cos músicos de jazz, o folmaldehido era o mellor punto de partida para a investigación. O formol clínico usábase habitualmente, mais Barrio afirmara que alguén que non fose especialista dificilmente coñecería o resultado de inxectalo."




Curtametraxe feita polo alumnado do IES Mendiño, representando a novela cun final alternativo:

Ningún comentario: