17/11/11

A voltas coa educación

O alumnado está convocado hoxe a unha xornada de protesta en defensa do ensino público e contra os recortes convocada polo Sindicato de Estudantes. Xusto onte saía na prensa a Presidenta da Comunidade de Madrid volvendo dicir que o profesorado que protesta se equivoca (e supoñemos que o alumnado e as familias tamén). Grazas á ANPA Giner de los Ríos, de Madrid, atopamos esta presentación (moi orixinal, por certo) moi completiña que explica perfectamente os recortes e o suposto aforro do ensino madrileño con datos concretos.
A situación en Galicia non é exactamente igual pero non anda moi lonxe: non se cubren as prazas de profes que se xubilan (e iso significa que este ano hai uns 1000 profes menos, para 3000 alumn@s máis), non envían profes para cubrir os permisos electorais (que podemos usar se estamos nun partido político e precisamos participar na campaña electoral), amplíase o número máximo de alumn@s que pode haber cando se xuntan dous niveis distintos (por exemplo, 5º. e 6º. de primaria), non se permite facer desdobres que son necesarios, e andan a eliminar cantos máis profes mellor, o que provoca que incluso haxa que pechar bibliotecas escolares por falta de horas para atendelas (como no instituto de Nigrán entre outros).
No noso centro xa eliminaron varias prazas de profes; é certo que baixou o número de estudantes, pero iso non xustifica que eliminen á profe de compensatoria, ou que non envíen un profe para cubrir as horas que a directora adica ó cargo en vez de ás clases: iso non ten nada que ver coa cantidade de rapaces que hai no cole. Ademais non nos permitiron desdobrar varios grupos (5º de primaria e 3º da ESO) e non temos máis remedio que atender ás familias nunha hora de garda e ó alumnado nun recreo (a lei marca unha hora enteira para familias e outra para alumnado, independentemente das gardas). Este ano tamén engadiron ás nosas tarefas a de coidar ó alumnado que ven no transporte (ata 45 minutos no caso de primaria); moitos de nós pensamos que iso é unha pésima xestión de persoal, pois están a usar traballadores altamente cualificados e especializados para realizar tarefas que podería facer calquera con ou sen estudos ou experiencia, e nós ben poderíamos usar esas horas en cousas máis positivas para o alumnado (clases de apoio, coordinación docente, fomento da lectura...).
O que está claro é que estas medidas NON supoñen unha mellora da calidade, e por iso nos queixamos. O 73% do profesorado declarouse totalmente en contra delas no referendo realizado na maioría dos centros o mes pasado, e moitos participaron nas dúas xornadas de folga convocadas por todos os sindicatos da comunidade. Cando protestamos, cando facemos folga, cando escribimos estas liñas, estamos a traballar polo ensino público de calidade. E seguiremos.

Disculpade a linguaxe informal deste vídeo, pero non deixedes de velo. É un precioso homenaxe ós profes que perden cartos, tempo e esforzo en intentar mellorar as aulas a pesares das administracións.



1 comentario:

Esteban dixo...

Paréceme ben, que a nosa bibliteca do centro tamen se implique.


O coordinador do SE do centro.