O intelectual e escritor galego Francisco Fernández del Riego faleceu aos 97 anos no seu domicilio en Vigo. Co seu pasamento extínguese un pouco máis unha xeración -formada segundo o propio Del Riego por Iglesia Alvariño, Carballo Calero, Luís Seoane, Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega, Álvaro Cunqueiro, Marino Dónega, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros- que protagonizou un papel substantivo na historia da cultura galega contemporánea.
Nacido o 7 de xaneiro de 1913 en Vilanova de Lourenzá, Lugo, Fernández del Riego desenvolveu un traballo constante e recoñecido a favor da cultura galega, como un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial nos seus primeiros cen números.
Entre os seus libros destacan ensaios sobre a cultura e a literatura galegas, como Historia da literatura galega, Galicia no espello, ou o Diccionario de escritores en lingua galega. No 2003 recompilou a súa correspondencia con Cunqueiro e editouna en Galaxia co título Cartas ao meu amigo. Epistolario Mindoniense. En 2004 publicou con Galaxia as súas memorias baixo o título de Camiño andado.
Ensaísta e literato, Del Riego ingresou na Real Academia Galega en 1960, entidade que presidiu entre 1997 e 2001.
Ao longo da súa traxectoria foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Oro, Medalla de Ouro da Ciudad de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, Medalla Castelao, Premio das Artes e das Letras de Galicia...). Ademais, foi nomeado Doctor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario