17/02/12

Chamádeme Simbad - Páx. 99

Fai un ano e pico comentamos un xeito rápido de saber se un libro pode gustarnos ou non. O truco, que ten incluso varias webs adicadas, radica en que non podemos fiarnos moito das primeiras páxinas do libro ou do resumo que soe aparecer na traseira porque están moi, pero que moi coidados por escritores e editores. A proposta é ler unha páxina ó chou, pero escollendo unha na que os personaxes xa estean máis que presentados e a trama xa teña miga. E esta é a páxina 99 (como podería ser a 102, claro, iso é o de menos).

Durante os próximos meses imos ir publicando a páxina 99 de varios libros para que vos fagades unha idea deles. E xa sabedes: se despois de ler esa páxina gustaríavos seguir lendo a historia, entón collede o libro e ó ataque.
"¿De que non tiña eu a culpa?, ¿que pasara que eu non sabía nin debía saber?, ¿por que me mentían?
Estaba claro que a miña familia estaba a agacharme algo importante.
A Taberna do Pirata existía. E meu avó estaba alí. E quería que EU o soubese. Por iso me escribira a carta A MIN. Só tiña que atopar ese lugar.
E eu ía atopar ese lugar.

Tiña que salvar o meu avó dos filibusteiros.

Botei toda a tarde lendo as cartas que o avó, polo que fose, nunca chegou a enviar ao tío Bernardino. Botei niso, en realidade, todo o serán, horas e horas lendo e volvendo ler aqueles papeis ata que miña nai saíu á ventá e me mandou subir para ducharme (eran xa as oito... nunca antes me aledara de que non houbese amigos no edificio cos que xogar. Así tiven toda a tarde para min só). E fun entendendo, máis ou menos, o que pasara".

CASTRO, Francisco: Chamádeme Simbad. Vigo: Galaxia, 2009. ISBN 978-84-9865-147-8.

4 exemplares dispoñibles na nosa biblioteca.

Blogue do autor.

Ningún comentario: