07/05/15

Paseos polo Vigo literario

Paseos polo Vigo literario é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.

Todos os paseos con saída ás 11:30 horas.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán).
Inscrición por orde de chegada do correo. Prazas limitadas: 50.

Sábado, 9 de maio: Pedro Feijoo e Os fillos do mar
Saída: A Oliveira.
No Paseo de Afonso XII, no número 2, ten o seu estudio o inefable Simón Varela, desde onde podemos baixar até a Porta do Sol, perdéndonos polo caso vello da cidade, tras os pasos de Daniel e León Beiroa. Desde a Porta do Sol e o teatro García Barbón até o calexo dos Caños, onde a Simón e a Mariña case lle parten os fociños os secuaces de herr Wessler, para descubrir a historia da vella rede de túneles esquecidos da cidade. A continuación baixariamos até a Alameda e desde aí ao Náutico, para, na compaña do mesmísimo Verne, botar un ollo ao noso redor, á procura da cidade case desaparecida…
Unha cidade chea de historia aínda visible para uns ollos atentos…



Sábado, 16 de maio: María Reimóndez e En vías de extinción
Saída: por determinar.
Fronte ao desenraizamento, ela escolleu transplantarse, botar raíces aéreas e traer canda a si a montaña ao mar. Gaia, a protagonista de En vías de extinción percorre diferentes espazos mais a súa vida aséntase xa de forma definitiva na cidade ampla que acolle, de brazos abertos, o indómito e biodiverso. Vigo é tamén o espazo de intersección entre o ficcional e o vital para María Reimóndez quen neste percorrido nos levará polos espazos desta obra e compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela A música dos seres vivos.



Sábado, 23 de maio: Francisco Castro e Tes ata as 10
Saída: Praza da Constitución.
Desde a Praza da Constitución desprazarémonos ata a Porta do Sol, ao edificio onde estaba ubicado El Pueblo Gallego, que serviu de inspiración para recrear o Eco de Vigo, o xornal onde traballa o pai do protagonista. Baixaremos cara o Teatro García Barbón, para parar na antiga sede da churrería ‘Bonilla’ de camiño cara á rúa Luis Taboada, rúa que albergaba a enigmática imprenta da novela Tes ata as 10. A Praza de Compostela-Alameda e o Porto Deportivo encamiñarannos cara á estatua de Xulio Verne, protagonista da cidade e da novela Tes ata as 10.


Ningún comentario: