O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

GUERRA, Mar. Xenaro e a negra sombra. Vigo: Xerais, 2015. ISBN 978-84-9914-820-5.

Contracuberta:
Esta é outra historia de Xenaro. Xenaro cun xe de xeo, xeado e xearento, é un e enfadado... Abúrrese de vacacións e bota de menos os seus amigos e ata as menos amigas, como as Barbis e Sefi. Quen lle dera volver ao Porroutó! Que semana a que pasaron de viaxe de fin dos estudos primarios! Como esquecer o Encarrapuchado e os seus lobos! Era un home? Un espectro? Estes e outros misterios son os que o grupo de amigos do Universal terán que resolver durante a estadía no albergue do Porroutó, antes de que o remate da Primaria os leve a institutos distintos. Ah! E volve o Fernández-Xildas o Neno Ton!

"—Os Hummer ou Hummys, que é como se lles coñece, son SUV con uve, Tina. S-port U-tility V-ehicle, todoterreos. O seu nome non vén da palabra martelo en inglés, pero non ten que ver coa forma do vehículo, senón co modelo. Chámanse así. E ad hoc, Efers, éche unha expresión, meu. Non un tipo novo de SUV.
—Quere dicir «xusto para iso» ou «a propósito» —tiven que intervir. Proíame a lingua.
A Pérez Antelo enfadouse. Botou os fociños para diante como unha cuarta e media. Tampouco non era para se anoxar. Á parte do Efes e mais o Ton, ningún dos outros, rapaz ou rapaza, sabiamos o conto dos monovolumes.
—Xa o pillo. Queredes dicir que non hai maneira de trasladar lonxe de aquí os lobos porque non temos como, agás subidos nos cabalos e mais nas bicis do Porroutó —resumiu o Efes.
—Ei, temos que marchar decontado —o xerro de auga fría viña da man de Uve, a única que mirara o reloxo en todo aquel tempo—. Señor Enene, sabe cando teñen previsto os gandeiros montar a batida?
—Un día destes. De seren certos os rumores, esta fin de semana. Ai! Como abranda a dolor as pedras frías, anque abrandar non poida almas de ferro e peitos homicidas...!
—Como? —Violeta dubidou, desconcertada diante da reflexión do Carapucho—. Isto..., ben, estamos a xoves —repúxose—. Temos un día para argallar como sacalos de aquí, corenta e oito horas como moito... A non ser que vostede xa cavilase o que facer. Algunha idea, Enene?".


Ningún comentario: