O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

CALVEIRO, Marcos. As palabras poden matar. Vigo: Xerais, 2015. ISBN 978-84-9914-811-3.

Contracuberta:

Na colonia Seavia, situada nun dos outeiros da cidade de Santa Clara, morren cada ano máis de trinta mulleres, homes e nenos vítimas da violencia. Os seus habitantes están todos xordos, mudos e cegos, porque saben que as palabras poden matar. Todos agás o Chibo e os seus sicarios, que campan polo barrio como amos e señores de todos os que alí malviven. Rapaces como Efrén, Marcelo e Alexandre, que acoden ás aulas do mestre Abimael, mozas como Daiara que traballa de costureira nun pendello, mulleres como Maisa ou Dona Rosa, saben que o perigo axexa naquelas calellas labirínticas. Cando aparece Silencio, un guedellán que só fala coas mans e coa faciana, ninguén sabe que a súa presenza mudará a vida dun barrio sen soños nin esperanzas, onde ninguén cre nos milagres e cuxos habitantes non miraban adiante e tampouco querían mirar atrás.

"Efrén e Silencio espertan na sancristía co ruído de alguén petando con fortes golpes. A cadeira coa que atrancaran cede, ábrese a porta de par en par e o voluminoso corpo de dona Rosa xorde ante eles.
—E que facedes vos aquí, tunantes? Non andaredes a roubar? —pregúntalles a vella alporizada.
—Non, non —responde Efrén, intimidado.
—Entón?
—Agachámonos dos homes do Chibo.
—Levade coidado. Esta mañá andaban pola túa casa.
—E a miña nai e Marcelo?
—Atópanse ben. Valos matar e desgustos.
—Eu non fixen nada.
—Os meus fillos tampouco e... —confesa de súpeto dona Rosa marchando e sentando nun dos bancos da igrexa.
Ten mala cara e Silencio vai na súa axuda. A vella alasa, parece que esgotou o ar todo do seu corpo. O mimo saca un pano de man e comeza a axitalo ante ela. Efrén acércase a eles e dona Rosa, ao velos xuntos, estartela os ollos coma se acabase de ver unha pantasma.
—Ai, meus filliños, estades aquí de novo. Flavio, Ronaldo, volvestes pola vosa naiciña querida, que alegría!
Os dous amigos óllanse con incredulidade. Dona Rosa ddebe sufrir alucinacións.
—Contádeme, fillos, e logo que fixestes todos estes anos?
Os dous pensan  que a vella vai morrer diante deles. Non poden deixala nese estado alí na igrexa, así que Efrén decide levala á casa".


Ningún comentario: