24/04/15

O corazón da maxia - Páx. 99

ESTÉVEZ, Xavier. O corazón da maxia. Vigo: Xerais, 2015. ISBN 978-84-9914-819-9.


Contracuberta:

Laura, unha rapaza de doce anos, está hospitalizada. A súa grave doenza provócalle falta de apetito e cansazo, ata o punto de verse obrigada a cortar o pelo porque nin forzas ten para peitearse. Cando mellora un chisquiño, tenta ser feliz visitando os outros nenos da planta e facendo incursións por outras dependencias do hospital co seu pano de pirata.Un día chega Mistre, unha nena etíope de oito anos, que compartirá con ela o cuarto. Para facerlle a estadía máis levadeira, Laura cóntalle á súa nova amiga unha historia extraordinaria, con dúas protagonistas moi especiais, Aulea e Mistera, que farán unha longa viaxe para resolver o misterio dos dragóns desaparecidos. Mentres non aparezan os dragóns, protectores das aldeas, o seu mundo non poderá gozar de paz e prosperidade. O sorprendente desenlace de ambas historias, a real e a imaxinaria, vaivos facer rir e chorar asemade.
Ilustración de Santy Gutiérrez no libro

"Erest era un frondoso bosque de abetos e piñeiros onde confluían tres ríos. As súas augas xuntábanse nunha lagoa no medio da cal había un enorme pozo por onde desaparecía a auga, convertida nun río subterráneo, que volvía saír á superficie a máis ou menos unha xornada. Era aquela unha vista impresionante, unha fervenza circular que tragaba as augas dos tres ríos no medio dun fragor enxordecedor.
Ao lado, unha inmensa torre de pedra permanecía ergueita dende tempos inmemoriais. Era a Torre da Maxia, o lugar onde os magos de toda a terra viñan aprender e desenvolver as súas artes. O lugar que a «Canción de Gedan» indicaba como aquel onde o máis grande dos magos, Gedan, fixera os seus primeiros encantamentos sendo aínda un rapaz.
Pero o que Aulea e Místera contemplaban agora diante súa non tiña nada que ver con aquilo. Ata onde a vista alcanzaba, despregábase unha chaira erma e gris. Nin rastro de árbores nin de bosques. Só unha terra pedregosa e estéril pola que xa non viaxaba río ningún. Como tres enormes cicatrices, o leito seco dos ríos serpeaba ata o centro da chaira. Simplemente ríos de po. E ningunha lagoa. No medio da chaira, un burato no que collería unha aldea enteira. Aquel polo que antes se perdían as augas, agora era só un burato cheo de veas de liques que medraban nas súas paredes". 


Ningún comentario: