O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

As recomendacións de primavera


"Síntese a primavera, tamén na lectura", de Dani Padrón

Antes de sumerxirnos de pleno no último tramo do curso, temos algunhas recomendacións de lectura que seguro vos han gustar:

 1º ciclo da ESO:







GONZÁLEZ, Sabela: Feitizo de sangue. As crónicas de Landereina 2, Galaxia, 2015.
Mentres a malvada man que pretende facerse co control do reino segue xuntando as partes da Pedra de Lúa grazas ao sangue de Ohn, príncipe de Landereina, Berenguela e Güenaela deixan atrás o bosque de Etlual para partir na procura do terceiro feitizo, o que destruirá para sempre a maxia do poderoso amuleto. 
En Svörie, a illa dos sabios, descubrirán os segredos da súa montaña, do seu poder e, tamén, de como o pasado uniu o destino dos Gheiroez e do malvado Wiasmau.




ESTÉVEZ FERREIRO, Xavier: O corazón da maxia, Xerais, 2015.
Laura, unha rapaza de doce anos, está hospitalizada. A súa grave doenza provócalle falta de apetito e cansazo, ata o punto de verse obrigada a cortar o pelo porque nin forzas ten para peitearse. Cando mellora un chisquiño, tenta ser feliz visitando os outros nenos da planta e facendo incursións por outras dependencias do hospital co seu pano de pirata.Un día chega Mistre, unha nena etíope de oito anos, que compartirá con ela o cuarto. Para facerlle a estadía máis levadeira, Laura cóntalle á súa nova amiga unha historia extraordinaria, con dúas protagonistas moi especiais, Aulea e Mistera, que farán unha longa viaxe para resolver o misterio dos dragóns desaparecidos. Mentres non aparezan os dragóns, protectores das aldeas, o seu mundo non poderá gozar de paz e prosperidade. O sorprendente desenlace de ambas historias, a real e a imaxinaria, vaivos facer rir e chorar asemade.

GUERRA, Mar: Xenaro e a negra sombra, Xerais, 2015.
Esta é outra historia de Xenaro. Xenaro cun xe de xeo, xeado e xearento, é un e enfadado... Abúrrese de vacacións e bota de menos os seus amigos e ata as menos amigas, como as Barbis e Sefi. Quen lle dera volver ao Porroutó! Que semana a que pasaron de viaxe de fin dos estudos primarios! Como esquecer o Encarrapuchado e os seus lobos! Era un home? Un espectro? Estes e outros misterios son os que o grupo de amigos do Universal terán que resolver durante a estadía no albergue do Porroutó, antes de que o remate da Primaria os leve a institutos distintos. Ah! E volve o Fernández-Xildas o Neno Ton!

ALONSO, Ana & PELEGRÍN, Javier: La reina de cristal I, II e III. Ed. Edebé, 2014.
Aos 17 anos, todos os mozos de Hydra pasan o ritual do mar, pero só uns poucos tranfórmanse en sirénidos e descobren o seu don: a videncia, a memoria, a compaixón...
Descarga aquí o primeiro capítulo de balde.

GARCÍA MIRANDA, Carlos: Conexo. Ed. Planeta, 2015.
Seis rapaces de Conexo son os únicos superviventes a un accidente de tren nun túnel, pero ninguén vai rescatalos porque hai seis rapaces idénticos a eles ocupando o seu lugar. O mundo pode colapsar se non resolven o quebracabezas no que están.
Descarga aquí o primeiro capítulo de balde.

GAZZOTTI & VEHLMANN: Solos. Ed. Dibbuks, 2014. Cómic.
Cinco nenos espertan unha mañá e descobren que están sós na cidade, con desagradables sorpresas esperándoos. O cómic máis vendido en Francia.


 2º ciclo da ESO:









GÓMEZ XURXO, Silvestre: De cristal, Xerais, 2015.
Este libro reúne cinco relatos sobre a fraxilidade humana, sobre a vulnerabilidade que padecemos todas as persoas.Suso, o protagonista do primeiro, «O ratiño negro», vive acurralado polo medo e non pode deixarse vencer polo mal. Lorena, a do segundo, «O ratiño branco», comprende que non nacemos co destino marcado e que a vida ten moito de heroicidade. Amando, o do terceiro, «O gato negro», daría algo por ser como Xoán Salvador Gaivota, alguén que se esforza en superarse e acadar a liberdade. Estela, a de «Pavo real», aprenderá que a felicidade non depende da cantidade de cousas que un teña. Rafael, o do derradeiro conto, «Gulag de galgos», descubrirá a certeza da frase de Gandhi: «A grandeza e o progreso moral dun pobo poden ser xulgados pola maneira de tratar os seus animais.»Cinco relatos nos que as formas da maldade poñen a proba os medios pacíficos para resistir e superar a violencia e a intolerancia, mais que non chegan a apagar o facho que nos proporciona azos para erguernos cada día na procura da felicidade.

CALVEIRO, Marcos: As palabras poden matar, Xerais, 2015.
Na colonia Seavia, situada nun dos outeiros da cidade de Santa Clara, morren cada ano máis de trinta mulleres, homes e nenos vítimas da violencia. Os seus habitantes están todos xordos, mudos e cegos, porque saben que as palabras poden matar. Todos agás o Chibo e os seus sicarios, que campan polo barrio como amos e señores de todos os que alí malviven. Rapaces como Efrén, Marcelo e Alexandre, que acoden ás aulas do mestre Abimael, mozas como Daiara que traballa de costureira nun pendello, mulleres como Maisa ou Dona Rosa, saben que o perigo axexa naquelas calellas labirínticas. Cando aparece Silencio, un guedellán que só fala coas mans e coa faciana, ninguén sabe que a súa presenza mudará a vida dun barrio sen soños nin esperanzas, onde ninguén cre nos milagres e cuxos habitantes non miraban adiante e tampouco querían mirar atrás

TOBARUELA, Pere: O códice do Santo Lugar, Xerais, 2013.
Ano 1086. Santiago de Compostela. Un Diego Xelmírez aínda mozo, daquela estudante da escola episcopal, está involucrado no roubo do códice do Santo Lugar. Son tempos de loitas entre árabes e cristiáns, e tamén de disputas entre os normandos e o reino de Galicia, León e Castela. Tempos convulsos e de traizóns nos que Páez, bispo de Iria, envía a Xelmírez a Toledo, sede da corte real de Afonso VI, para esclarecer un roubo que pode cambiar o curso da historia da Península Ibérica e alén dos Pireneos.


FREY, James: Endgame. La llamada. Ed. Planeta, 2014.
Un mundo dividido en 12 liñaxes, cada unha cun campión adestrado para o xogo final: atopar 3 chaves antigas que salvarán aos seus. As liñaxes perdedoras non sobrevivirán. O libro premia con 500.000$ ao lector que descifre os enigmas.


SIMUKKA, Salla: Rojo como la sangre. Ed. La Galera, 2014.
Lumikki é estudante. O día que atopa 500€ de dubidosa procedencia no seu instituto, verase envolta nunha delicada operación internacional de tráfico de drogas.


SANTOS, Care: Mentira. Ed. Edebé, 2015. Premio Edebé de literatura Juvenil 2015.
Xenia é unha boa estudante pero as súas notas están baixando: está namorada dun fantasma, de alguén en internet que comparte a súa paixón pola lectura. Ponse a investigar para coñecelo pero o que atopa non lle gusta nada.

Ningún comentario: