O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Biblioutubro

"Biblioteca escolar" de ciclomono


Hoxe, no Día Internacional das Bibliotecas, achegámosvos un texto co que David Otero agasallou ás bibliotecas escolares.

Por suposto, vémonos na biblioteca! 

Biblioutubro
Velaí un bibliomés deste biblioano.
 
Velaí un tempo biblio para espazos cheos de libros (que é dicir tamén bibliotecas). Por iso nelas, nas bibliotecas, desde as lectoras e os lectores, conxúganse os espazos e os tempos no facer primoroso da lectura. Ler, polo tanto, dinamizarase en xerundio e así tamén nese modo e ser farase cos verbos amar, querer, pensar, vivir e tantos outros propios de ser quen somos en mundo noso de Lingua(s) e de Cultura(s).
Outubro celébrase, sinálase, como o mes da biblioteca e así en especial o día vinte e catro con maior acento, acerto e intensidade, sen que por iso facelo xa dea desculpa (licenza) a non facelo ata o día vinte e catro do ano que vén. Os días da biblioteca, xa que logo, serano todos os do ano enteiro en pleno amor libre á lectura e aos soportes (libros en especial) que a facilitan e a estimulan, mediando nese exercicio do pensamento tan propio, persoal, como auténtico, que nos define e determina como lectoras e como lectores. 
Ler é un facer afirmativo de liberdade, porque apetece, porque nos engaiolaron na animación a facelo, porque temos argumentos e así nos peta e dá a gana.
Ler, libro, lectura, levan consigo esencialmente (do contraio é outra cousa) o desexo libre de facelo. Esa frescura onde gozar de literatura vivible, viva e activada, posta en Lingua e Cultura propia (galega pois)  e integrada coas outras moitas Linguas e Culturas dos demais Pobos nas que queiramos ler e disfrutar.
A lectura farase alí onde nos sintamos ben. 
Buscaranse os soportes de ler alí onde nos sintamos ben. 
Pois así tamén será na biblioteca onde nos sintamos ben. Probemos e comprobemos.
             David Otero 

Ningún comentario: