O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

O castañeiro de abril - Páx. 99

FRAGA, Antonio Manuel. O castañeiro de abril. Vigo: Xerais, 2013. ISBN 978-84-9914-574-7.
Premio Merlín de Literatura Infantil, 2013

Contracuberta:
Buto, o zapateiro, conta a historia do seu amigo Baltasar, un rapaz de once anos, cego de nacemento e orfo de nai, que vive coas súas tías, Olegaria e Berenguela, dúas xemelgas moi antipáticas e un pouco malvadas. Acompañado do seu can, Barriga Branca, Baltasar vende na praza dos Zoqueiros soldadiños e bailarinas de madeira , labradas coa súa navalla, coa intención de xuntar cartos para reunirse co seu pai. A aparición na praza do Castañeiro de Abril provocará un xiro na súa vida e unha chea de acontecementos que trastornan a vida da xente do seu barrio.
O Castañeiro de Abril é unha historia de superación dunha dignidade tremenda e dunha afouteza extraordinaria. Unha reivindicación das cousas miúdas, que adoitan ser a principal orixe dos nosos desgustos e das nosas maiores satisfaccións.

"Mentres xantaba, Baltasar podía sentir a presenza das dúas irmás a ollalo en silencio, o que lle impedía gozar plenamente da comida. Sabía que o comportamento das súas tías non era normal, polo que apuraba todo o qeu podía para engulir a gorentosa tortilla, antes de que un mal aire virase o catavento das Carabullo e lle retirasen o prato de diante.
—Baltasar, rapaz —era agora Olegaria quen lle bisbaba melindrosa—, un home da televisión estivo na mercería esta mañá para ofrecernos unha entrevista.
—Unha entrevista? —preguntou Baltasar.
—Así é. Pastora R. Caínzos devece por sacarte esta noite en horario de máxima audiencia.
—Non e non! —negou rotundamente o neno—. Non quero saber nada máis do asunto ese da Lúa.
—Ti farás o qeu nós che digamos! —exclamou a súa tía, esquecendo o ton doce duns segundos antes—. Ou quen pensas que es, lampantín?
—Sabes a cantidade de cartos que están dispostos a pagar? —preguntou agora Berenguela, achegándose tanto ao seu sobriño que lle cuspía na cara ao falar—. Sabes o ben que nos viría ese diñeiro para podermos reformar o negocio?
—Considera isto como unha oportunidade qeu o destino che dá para compensar todas as molestias que nos tes causado —díxolle Olegaria, xa sen berrar, mais mantendo o ton ameazante.
Baltasar ouviu como as Carabullo lle retiraban o prato da mesa e saían do salón. Apenas un par de minutos máis tarde o troupeleo dos seus zapatos sobre o chan de madeira anunciou a súa volta á estancia".


Ningún comentario: