03/05/13

Obras completas de R. Vidal Bolaño - Páx. 99

VIDAL BOLAÑO, Roberto. Obras completas. Volume I. Santiago de Compostela: Edicións Positivas, 2013. ISBN 978-84-939812-5-9.

Xorden da escuridade, como en avalancha, as voces atropeladas de todos eles. A luz vai subindo a medida que falan ata case cegalos, permitíndonos descubrir que se atopan apiñados arredor dunha mesa de despacho, no que semella ser a oficina de atestados ou a sala de interrogatorios dunha comisaría de vila ou de barrio.

CHARLI: É absolutamente necesario que nos machaquen con tanto jodido quilovatio?
SOR ANXÉLICA: Avisaron xa a miña nai e a superiora da orde? Quero que as avisen inmediatamente!
LETI: Estoume mexando, podo mexar? Aquí haberá onde? Ou non?
TIGRE: Ponte á cola, Leti, estamos todos a piques de rabentar.
LETI: Aviso! E o que avisa non é traidor. Ou me din de contado onde ou fágoo na papeleira e logo a ver quen aguanta aquí con semellante cheiro a rosas.
CHEMA: Nin se che ocorra!
LETI: Non pretenderás que o faga nas bragas?
CHARLI: Tranquilos, que non cunda o pánico. Deixádeme a min, sei como entenderme con eles. (Aos interrogadores) Sexamos razoables. A vida é unha merda, ata aí estaremos de acordo, non? E éo, non porque nós teñamos decidido mellorar os nosos métodos, senón desde que o home é home, ou sexa, desde que cometeu a gilipollez de crerse máis listo ca ninguén e determinou botar a andar sobre das patas traseiras.
SOR ANXÉLICA: Deus castiga sen pau nin pedra!
LETI: Xa está a mexapilas esta!
CHEMA: Deus nada tivo que ver neste asunto, Sor Anxélica.
TIGRE: No que si tivo que ver foi no de poñer ou non poñer ovos. Instrúaos sobre o particular, xefe! Explíquelles como sería o mundo se as mulleres puxesen poliños.
SOR ANXÉLICA: (Persignándose.) Loado sexa Deus!
TODOS: (Persignándose tamén.) Por sempre sexa loado!
CHARLI: Ese é outro tema, Tigre.
TIGRE: Ao que cedo ou tarde haberá que acabar meténdolle o dente. Non imos apandar nós con responsabilidades que son doutros.
CHEMA: Polo camiño que levamos, remataremos apandando co que nos boten.


Ningún comentario: