O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

O corazón de Xúpiter - Páx. 99

COSTAS, Ledicia. O corazón de Xúpiter. Vigo: Xerais, 2012. ISBN 978-84-9914-433-7
Premio Neira Vilas 2012. Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2012.

Contracuberta:
Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxida de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real… Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.


"Isla tiña pensado moitas veces en que o seu destino estaba escrito nas estrelas. Coma se carecese de importancia que tomase decisións nun ou noutro sentido. A influencia dos astros era tan grande que ao final sempre se cumpriría o seu sino. Non había forma de evitar o que estaba trazado no mapa do ceo desde o principio dos tempos.
Unha refolada de vento frío rozou os seus pensamentos e fixo que se lle puxera a carne de galiña. Despediuse de Mar, volveu entrar na casa e foi dereitiña ao seu cuarto.
Por rutina, colleu o portátil. Tiña unha mensaxe na bandexa de entrada.
—Xúpiter —murmurou sentindo que se lle aceleraba o corazón.
Puxo o cursor sobre a mensaxe e abriuna:

Ola Casiopea:
Perdoa polo do outro día :-(. Non quería romper esta maxia interplanetaria que nos une. Por iso non che mandei a foto. Espero que saibas comprendelo, e que o arquivo adxunto que che mando hoxe compense a metedura de pata.
Un bico de planeta,
Xúpiter

Descargou o arquivo no escritorio do portátil. Pechou os ollos, colleu aire e abriuno.
A fotografía dun rapaz duns vinte anos de cabelo negro e ollos enormes fíxose oco no medio da pantalla. Quedou engaiolada daquela imaxe. Pareceulle guapísimo.
Pasaron minutos ata que conseguiu separar a súa mirada de Xúpiter. Rodeábao un certo aire de rebeldía. Tiña uns beizos grosos e perfectamente definidos e os ollos máis fermosos que vira xamais. Transparente coma auga de manancial.
Naquel instante non tivo ningún tipo de dúbida. Acabarían coñecéndose. Ese era o seu destino".


Ningún comentario: