31/05/13

A cabeza de Medusa - Páx. 99

ALEIXANDRE, Marilar. A cabeza de Medusa. Vigo: Xerais, 2008. ISBN 978-84-9782-900-7.
Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2008.

Contracuberta:
Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións?
Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira, A cabeza de Medusa aborda a amplificación social da violación e tamén a procura dos amor(ot)es ventureiros, o papel do amor e a amizade na resistencia ao medo e á vergoña.


"O primeiro día no instituto transcorreu de forma menos traumática do que temera Sofía. O luns de entroido Teresa, a directora, chamara a Elvira por teléfono, dixéralle que poñería todo o que estaba na súa man para que as rapazas se sentisen amparadas, que o equipo directivo coutaría de raíz calquera incidente. Pediulle que o mércores, ao chegar pola mañá, Sofía pasase un momentiño polo seu despacho para darlle tempo á titora a falar coa clase cinco minutos.
—Cremos que a meirande parte dos compañeiros xa o saben, e que é mellor abordalo explicitamente que agardar aos dixomedíxomes. Tamén queremos emitir unha mensaxe clara: non imos tolerar ningunha actitude que dificulte a vida das rapazas.
—Agradézocho, Teresa —dixo Elvira—, mais, ¿ides facer esta advertencia en todos os cursos? Tampouco se trata de darlle máis publicidade, xa hai abondo.
—Non imos, non. A titora falará cos de 2º D, o curso de Sofía e Lupe. Como ben dis, non hai necesidade de publicalo. A advertencia transmítese duns cursos a outros. É imposíbel garantir que non xurda algún incidente, mais estaremos alerta. E se hai o mínimo problema, por favor, falade connosco.
Sofía e Lupe encontráronse no despacho da directora. Sofía pensou que Lupe estaba máis guapa que nunca, o seu cabelo negro, longo, enmarcando o seu rostro pálido, de pel sen imperfeccións, que ela non deixaba de envexar. Teresa, sen facer ningunha referencia ao asundo, bicounas, ofreceulles unha cunca de café, que rexeitaron. Parecía que acababan de sentar, cando chegou a titora, indicando que podían ir para clase.
Entrar na clase, pensando que todos van mirar para ti, procurar no teu rostro as pegadas do que ocorreu, é como mergullar na auga xeada. ¿É diferente a cara dunha muller despois do acto sexual? Talvez, díxose Sofía, sexa distinto se a relación fose desexada; talvez nos teus ollos apareza un brillo indicando o que aprendiches, lembrando as sensacións novas. O seu propio rostro o único que pode reflectir é medo. Medo pasado, medo ao que queda por vir. Medo a non desexar no futuro a ningún mozo, a non querer que ninguén toque de novo o seu corpo".

Ningún comentario: