04/03/11

Os panos na cabeza

En Xornal de Galicia do pasado día 11, afirmaba con razón Gloria Rojas, profesora da Escola Universitaria de Maxisterio en Melilla, que, se se prohibise o veo nesta cidade, moitas das súas alumnas nunca serían mestras… Viña a conta da polémica xurdida pola prohibición de ir ás aulas co pano na cabeza (propriamente, un veo é outra cousa…) na persoa dunha nena, alumna dun centro escolar de Arteixo. Concordo plenamente coas valoracións da profesora citada e engado as seguintes. Coido que o sucedido revela unha estomagante e paternalista visión da pretensa superioridade cultural europea ou occidental. Antes de sancionar e de penalizar hábitos indumentarios dos demais, deberiamos ollar un algo para nós mesmos. Vexamos.

Segue vixente entre nós o costume de furar as orellas ás pequenas, cando nacen ou moi pouco despois, só polo feito de seren mulleres e para “facilitar” por adiantado os brincos ou pendentes que han de levar de nenas, adolescentes ou adultas. Debo de ser (xunto coa miña irmá) unha das poucas mulleres da miña idade a quen esta práctica non se aplicou. Impediuno decontado meu pai, cando a comadrona, seguindo a rotina, estaba disposta a facelo: eu non marco as millas fillas, por seren mulleres, dixo. Hoxe, en pleno apoxeo dunha cultura masoquista, proliferan por toda a parte, en rapazas e rapaces, piercing e tatuaxes varias, en variadas zonas do corpo. É tal a grima que me producen que, cando falo con alumnas ou alumnos “furados”, confeso que ollo para a súa chaqueta, camisa… ou o que leven vestido, mais nunca se me ocorreu facer o menor comentario. ¿Que acontece se temos como alumnas monxas que aínda leven a cabeza coberta, segundo a orde a que pertenzan, ou pacientes de quimioterapia que, para ocultaren a alopecia do tratamento, porten un pano na cabeza ou un turbante? ¿Obrigámolas a retiráreno ou a se trasladaren de centro?

Góstenos ou non o pano á cabeza, convirá lembrar que até onte, coma quen di, levárono as nosas avoas e, mesmo, mulleres moito máis novas, como as que impresionaron a miña retina infantil, nunha parroquia de Tui, cando perguntei a unha miña curmá a razón de tantas mulleres novas iren vestidas de negro, no que me parecía un exceso de viúvas: non eran tal, ían así vestidas, explicoume, mentres os seus homes estaban no mar… Mais, en todo caso, a razón principal que quero lembrar é que deben ser as proprias afectadas as que decidan sobre se levan ou non o pano na cabeza, no uso da súa autodeterminación persoal. Unha outra cousa é a imposición dunhas regras de hixiene, educación, sociabilidade, respeito aos demais, ocupación do espazo e saber escoitar e non falar todos ao mesmo tempo, por exemplo, que deben ser norma de obrigado cumprimento para todo o mundo. E abofé que aquí habería moito que falar!

E, por favor, que ninguén faga metonimia abusiva do que estou a valorar. O pano na cabeza non é a escafandra chamada burka, que oculta a contemplación íntegra da muller que a leva. Somos, os humanos, semovientes sociais e, por isto, precisamos vérmonos, saber se quen está debaixo dunha vestimenta é home ou muller, non utilizar o indumento para agachar armas ou calquer outro instrumento mortal, poder ouvir falar de forma directa e non con fronteira téxtil polo medio. Quen impuxo e mantén o burka é unha autoridade masculina que contradí flagrantemente ese principio de autodeterminación persoal que antes citei. Mais non é disto do que falamos, senón de unha nena de doce anos poder levar un pano na cabeza até que, eventualmente, decida non o levar. Hai panos na cabeza, panos mentais bastante máis difíceis de retirar ou de recambiar…

Pilar García Negro, publicado en Xornal.com
Fotografía: Inés Montenegro  

Ningún comentario: