O blog da biblioteca do CPI da Ribeira


Un dos libros que recomendamos para este verán é en realidade un libro-disco multilingüe (sobre todo, galego-inglés): Sira e o robot, de Mark Wiersma e Miguel Mosquera.
O libro conta as aventuras de Sira, unha rapaza galega, nunha especie de Eurovisión intergaláctica. Este é o resumo que trae a contraportada do libro:

Galicia, ano 2050. O inglés acaba de ser declarado lingua oficial xunto co galego. Os humanos compórtanse como robots e os robots son aparellos choromicas que posúen o don da música.Sira, unha rapaza de dez anos cunha forte personalidade e moi imaxinativa, non acaba de atopar o seu lugar nesta sociedade. Un venres, totalmente aburrida da vida terrestre, ve un anuncio na televisión sobre un festival intergaláctico da canción que se vai celebrar en Titán, a sexta lúa do planeta Saturno. Na compaña de William, o seu inseparable e medroso robot, busca o modo de viaxar a Titán para participar no certame. Alí descubrirá un mundo novo que lle vai cambiar a súa forma de ver a vida para sempre.Ao estilo dos musicais clásicos, as cancións intercálanse de maneira natural na narración, conformando esta aventura espacial chea de humor e misterio. Unha historia para ler e escoitar.

E velaiquí a reseña que fan no blog de Rede Lectura:


Sira e o robot. Adventures on Titan é un libro disco de Mark Wiersma e Miguel Mosquera 

As ilustracións de Iván Sende resultan moi adecuadas, especialmente as máis panorámicas como a do colexio e destaca pola súa orixinalidade como a da nave espacial en forma de hórreo que nos lembra aquela serie de nome Anamarciana de Alberto Varela, na que no firmamento, entre os planetas aparecían as vacas. 

Para ler e escoitar, para cantar acompañando as voces a modo de galeoke

Diferentes ritmos musicais: hip hop, rap, lied... 

Plurilingüísmo: galego, castelán, inglés, francés, portugués, chinés, alemán

A modo de teatro radiofónico, as voces do narrador e a narradora así como a de cada un dos personaxes, condúcennos a unha visión imaxinativa.

Referencias a Luar, a catedral de San Google, Leo Arremecaghona ou a clase de twitter sitúannos na máis salvaxe actualidade. E os valores a pé de obra, eses valores realmente plurais que non agachan imperios encubertos. Grazas pola frescura!

Ningún comentario: