O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

Voando só - Páx. 99

DAHL, Roald. Voando só. Cangas do Morrazo: Sushi Books, 2015. ISBN 978-84-15920-54-0.

Contracuberta:
A primeira parte deste libro retoma a autobiografía de Roald Dahl iniciada en Boy (Relatos de infancia). Comeza coa viaxe á África oriental para desempeñar o seu primeiro traballo na petroleira Shell.

A segunda parte do libro trata do tempo que estivo voando coa RAF, as forzas aéreas do exército británico, durante a Segunda Guerra Mundial, e no que cada acontecemento resultou totalmente fascinante.


"O Gladiator estaba armado con dúas metralladoras fixas que disparaba as súas balas a través da hélice en movemento. Para min, aquel era o mellor truco de maxia que vira na miña vida. Non daba comprendido como dúas metralladoras que disparaba miles de balas por minuto podían sincronizarse para que os proxectís pasasen por entre unha hélice que xiraba a miles de revolucións por minuto sen golpear as súas aspas. Dixéronme que tiña algo que ver cun tubiño de aceite e que o eixe da hélice conectaba coas metralladoras é enviar uns impulsos a través del, pero non sei dicir máis nada.
En Ismailía, un tenente de voo bastante altivo sinalou un Gladiator estacionado na pista e díxome:
—Ese é o meu. Mañá levarao ata a súa escuadrilla.
—Quen me vai ensinar a pilotalo? —pregunteille, tremelicando.
—Non sexa estúpido —respondeu—. Como lle vai ensinar ninguén se só dispón dunha cabina? Non ten máis que subir nel, faga un par de circuítos e probas de impacto e deseguida lle collerá o xeito. Será mellor que practique todo o que poida, porque, antes de que se decate, xa andará a xogar polo aire con algún mañoso italianiño que intentará derrubalo.
Recordo que naquel momento pensei que seguramente aquela non era a forma apropiada de facer as cousas. Investiran oito meses e unha gran cantidade de cartos a adestrarme para voar e, de socato, acabábase todo. En Ismailía ninguén ía ensinarme nada sobre os combates aéreos e certamente non ían perder o tempo en instruírme cando me incorporase a unha escuadrilla operativa xa activa. Non hai dúbida de que nos lanzaron ó baleiro sen a preparación axeitada para o combate aéreo e, na miña opinión, esa foi a causa das enormes perdas de pilotos novos que sufrimos alí. Eu mesmo salveime polos pelos".

Podes ler as primeiras páxinas nesta ligazón.

Ningún comentario: