O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

O galego, na UCI

Fonte: Zarampagalegando

As máis recentes estatísticas sobre o uso da lingua galega (do 2013) son bastante pesimistas: a cousa empeora cada vez máis, e queda claro que o bilingüísmo e trilingüísmo no ensino prexudican á nosa lingua.
O propio Instituto Galego de Estatística fai un resumo da situación:

"En 2013 o 31,2% dos galegos habitualmente fala sempre en galego. Esta porcentaxe é [...] 12 puntos inferior á rexistrada fai dez anos.
Por outra banda, a porcentaxe de poboación que fala máis galego ca castelán diminuíu 6,44 puntos respecto ao ano 2008.
O uso do galego é desigual dependendo da idade da poboación. Deste xeito, o 52,74% dos galegos de 65 ou máis anos fala habitualmente só en galego e un 21,08% utiliza máis o galego có castelán. No entanto, entre os rapaces e rapazas de 5 a 14 anos, o 13,20% habitualmente sempre fala en galego, o 11,91% máis en galego ca castelán e o 74,88% restante utiliza sempre o castelán ou máis castelán ca galego.

Ao comparar os datos segundo a lingua na que falan habitualmente, obsérvase que entre as persoas que sempre falan en galego, o 33,58% escribe habitualmente na mesma lingua e o 66,42% faino en castelán".

Pode que este descoñecemento, e ata desprezo, pola lingua galega sexa o que provoque cousas como a que sucedeu esta semana no Faro de Vigo: anunciando o premio Neira Vilas que recibiu Ledicia Costas por Escarlatina, a cociñeira defunta, a redactora da noticia traduciu o título da obra ó castrapo e o nome de Ledicia ó castelán, transformándoa en "Alegría" Costas (e aínda bo foi que non lle traduciran o apelido por "Cuestas").


Tras as queixas e cachondeos das redes sociais e da propia Ledicia, á quen isto non lle produciu nin ledicia nin alegría ningunha, o Faro rectificou, pediu desculpas e publicou unha correción con escusa incluída:


O curioso é que no mesmo artigo (4 liñas por debaixo de "Alegría") tamén traducen o apelido do autor Darío Xohán Cabana (supoñemos que tamén por culpa do procesador de textos) e nin corrixen nin se enteran (polo menos ata hoxe).

Pero a cousa, por desgraza, non acaba aquí: a prensa galega dá moito xogo, por non dicir noxo. Hai dúas semanas, El Correo Gallego publicou unha nova sobre unha homenaxe a Otero Pedrayo e inventou ¡o nunca visto!: a "Generación Nudos". Si, a "Xeración Nós", pasada polo procesador de texto e por un redactor (ou redactora) sobrado en ignorancia e escaso en cultura galega, nun artigo sen asinar:


Que será o seguinte? Pepe "Vereda" en lugar de Carreiro? "Puerto Nuevo" por Portonovo? A "Junta" de Galicia?

Vendo como está o patio, non me sorprende nada (aínda que me parece moi triste) atopar este cartel nunha tenda de Vigo:


O novo conselleiro de Educación e Cultura pediu hai ben pouco que teñamos "sentidiño" co galego. De verdade, señor conselleiro? Sentidiño? Que tal se empezamos por non subvencionar prensa que lle dá semellantes patadas ó galego porque non o usa? E que tal se a continuación nos sentamos a pensar como evitar que a nosa lingua morra? Con sentidiño, iso si, que estas cousas son moi sentidas.

Ah, e Ledicia Costas é Ledicia Costas aquí e en Seattle.

Ningún comentario: