O blog da biblioteca do CPI da Ribeira

ANEIROS, Rosa. Ámote Leo A. Destino xalundes. Vigo: Xerais, 2013. ISBN 978-84-9914-621-8.
Contracuberta: 

Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Quen estará detrás da misteriosa mensaxe? Será algún dos membros da extravagante tropa de Ruth á que se arrima en Barcelona? 

Inicia así unha engaiolante triloxía na que Leo deberá resolver estas e outras incógnitas que lle deparará o camiño, para descubrir que as cousas non sempre son como as soñamos. Ás veces resultan moito mellores.


"—Non estou de acordo —protestou Andrés—, se xa sabes todo antes de chegar a un sitio, logo o único que ías é certificar, coma se foses un notario, que todo o que xa admiraches e liches nas guías ou nos foros é verdade. Así non ves, así só engoles as experiencias dos outros.
—Se non sabes nada do que vas ver podes perder moitas cousas! —retrucou Mayra.
—E que máis dá? Quen di o que é importante e o que non? Cada cidade amósalle unha cara diferente a cada persoa dependendo da estación do ano e tamén do propio humor e circunstancias da persoa que mira. Non é o mesmo chegar aquí, coma nós, ávidos de aprender e coñecer, que vir porque vés estudar por uns anos ou porque tes que operarte a corazón aberto no hospital, poñamos por caso —engadiu Claudia—. Cadaquén ten que marcar os seus propios pasos polos lugares, non seguir aqueles que xa veñen marcados por outros. Pareceriamos ovellas ou a pequena Dorothy polo carreiro dourado do mago de Oz…
—Non se trata de ovellas, Claudia —dixo Edmundo—, pero si tes que ter certa información sobre o destino ao que vas. Por exemplo, imaxina que vas a México D.F. e deambulas e deambulas polas rúas… Cando xa pensas que o viches todo, os mercados, a catedral, decides marchar. Tempo despois alguén che fala da casa museo de Frida Kahlo en Coyoacán e ti botas as mans á cabeza porque non fuches. Perderías a oportunidade de contemplar cadros orixinais que nunca poderías ver en ningún outro lugar do mundo! E ese azul anil das paredes que se mete no sangue e non hai quen o quite…
—Ahhh…, Frida Kahlo, esas son palabras maiores —subliñou Mayra.
Ruth ladrou coma se tamén quixese participar no debate, o que lle deu oportunidade a Edmundo de sumar un novo apoio á súa proposta de que era mellor a información ca a ignorancia á hora de visitar un lugar novo.
—Védelo? Ruth tamén considera que é mellor preparar ben un destino antes de visitalo. Polo de agora a partida vai empatada, tres contra tres. Tócalle a Leo sentenciar. Que dis?
—Pois…
—Veña, di, di —apremouna Lía—. Xa verás como gañamos".

Ningún comentario: