24/01/14

Endogamia 0.2 - Páx. 99

CARIDE, Ramón. Endogamia 0.2. Vigo: Xerais, 2013. ISBN 978-84-9914-494-8.

Contracuberta:

Nas súas vacacións en Bangladesh, o xornalista audiovisual Eduardo Morán conseguiu facerse coas impactantes imaxes do suplicio ao que foi sometida unha rapaza de catorce anos condenada por un tribunal local islámico. Tras o terremoto e o accidente da central nuclear, que provocou centos de mortos, no pavillón de Ivate amoréanse un millar de refuxiados que intentan protexerse dos efectos do escape radioactivo. Des que Gustavo foi diagnosticado de «deterioración neuronal progresiva», a súa dona, Carme, e o resto da súa familia viven en vilo. U-los remedios contra o mal de Alzheimer?

Como xa fixera en Exogamia 0.3, Ramón Caride reúne relatos, non estritamente literarios, sobre problemas decisivos para a humanidade ante os que ninguén pode quedar alleo: a violencia sobre as mulleres, a enerxía nuclear, a doenza do Alzheimer e a investigación médico-farmacéutica.

"—Pois logo, aínda lles habería que explicar a eses humanistas daquela parte que, con Alzheimer ou sen el, eses velliños que tanto lles chistan, séguennos votando igual.
—Non sei onde iremos parar, Xoel. Éche mellor que pasemos a cousas serias... Por certo, vas mañá ao campo de golf?
—Xa sabes que non falto un sábado, presidente, non sendo causa de forza maior.
—Pois veña, vémonos mañá logo. Vai á casa e descansa, que te quero en forma, estes dias mellorei o meu swing a golpe de ximnasio e vouche dar unha malleira.
—Non me digas, escoita. Aínda temos un asuntiño pendente, pero se andas ocupado deixámolo.
—Ocupado para ti, Xoel? Nin de broma, ti es o home do día. Pide por esa boquiña.
—É o asunto do meu irmán, o alcalde de Louzós. Xa sabes.
—Si, home, o das túas sobriñas, Xoel. Está feito; o día cinco entran en nómina. Polo de agora teñen que ir á escala B, mais por promoción interna, nun par de anos, xa as ascendemos. Uns cursiños restrinxidos e feito. Agora, contade con que as prazas no Boletín non poden saír publicadas ata despois das eleccións. Con isto da crise, daría mala imaxe. A túa sobriña maior que fixo?
—Ten un ciclo medio, coido. Deses de augas e limpeza urbana.
—Caralludo, metémola de técnica auxiliar de medio ambiente. Así de paso, aseguramos que o informe da depuradora saia como ten que saír. E a outra, ten título?
—Rematou o bacherelato.
—Vale, pois administrativa de Administración Xeral. Pero o teu cuñado tenme que garantir a maioría absoluta en Louzós, eh, Xoel? Non me veñades con caralladas de última hora.
—Iso está feito, presidente. Veña, chócaa que vou durmir que boa falta me fai.
—Vémonos nos Carballos mañá ás nove, non?
—Sen falta, estarei alí coma un cravo".


Ningún comentario: